‘Redescubre San Felipe’: Ferrol impulsa visitas, teatro e conferencias para reivindicar a súa fortaleza histórica
O Concello de Ferrol presentou o programa ‘Redescubre San Felipe’, unha iniciativa cultural e turística que busca poñer en valor o Castelo de San Felipe e reforzar o seu papel dentro do conxunto defensivo da ría, elemento clave na candidatura da cidade naval a Patrimonio Mundial da UNESCO.
A proposta, presentada pola concelleira de Turismo Maica García Fraga, inclúe visitas guiadas para centros educativos, actividades teatralizadas e conferencias abertas ao público, co obxectivo de fomentar o coñecemento histórico e promover o uso cultural dun dos espazos patrimoniais máis significativos da cidade.
Segundo explicou a edil, o programa pretende “revalorizar o patrimonio local, fomentar a educación histórica e dinamizar un espacio cultural estratéxico na proxección turística de Ferrol”, ao tempo que permite dar a coñecer tanto a importancia histórica da fortificación como as actuacións de mellora que se están a realizar no recinto.
O calendario comezará cunha semana de visitas escolares entre o 9 e o 13 de marzo, dirixidas ao alumnado de quinto e sexto de Educación Primaria.
As actividades desenvolveranse en quendas de 10:15 a 12:15 horas e combinarán explicacións históricas con dinámicas participativas, como unha procura do tesouro, pensada para facilitar o achegamento do alumnado á historia da fortaleza e ao sistema defensivo da ría.
Está previsto que participen ata 500 escolares procedentes de distintos centros educativos da cidade e da contorna, entre eles CEIP Pazos, CEIP A Laxe, Ángela Ruiz Robles, CEIP Crucero de Canido, CEIP Almirante Juan de Lángara y Huarte, o colexio Ponzos, CPR Belén, o centro concertado Cristo Rey, o colexio Valle Inclán e o centro Arenales Santa Juana.
Con esta proposta, o Concello busca achegar a historia local ás novas xeracións e fomentar o coñecemento do patrimonio marítimo e militar da cidade.
As actividades continuarán durante as fins de semana cun programa específico dirixido ao público xeral, que permitirá coñecer o castelo desde diferentes perspectivas.
O sábado 14 de marzo celebrarase unha xornada que inclúe un desprazamento en barco desde o peirao de Curuxeiras ata o Castelo de San Felipe, con saída ás 16.00 horas. Unha vez no recinto, ás 16.30 horas, terá lugar unha visita teatralizada destinada a recrear episodios históricos vinculados á fortaleza. O regreso en barco está previsto para as 18.00 horas.
Ao día seguinte, domingo 15 de marzo, repetirase o desprazamento marítimo, desta vez con saída ás 10.30 horas desde Curuxeiras. O programa incluirá dúas intervencións divulgativas na sala de Cureñas do castelo.
Ás 11.00 horas, o comandante retirado e membro da Asociación Columba, José López Hermida, ofrecerá unha conferencia sobre a evolución histórica do castelo como parte do sistema defensivo da ría de Ferrol. Posteriormente, ás 12.00 horas, o investigador Eliseo Fernández Fernández abordará a historia recente da fortaleza durante o século XX. O regreso á cidade está previsto para as 13.30 horas.
Durante a presentación, Maica García Fraga convidou á cidadanía a participar nunha experiencia que definiu como “única para coñecer, vivir e sentir o patrimonio ferrolán”.
A concelleira explicou que ‘Redescubre San Felipe’ nace coa intención de converterse nunha referencia dentro da programación cultural e turística de Ferrol, reforzando o vínculo entre a cidadanía e o seu legado histórico. Segundo destacou, iniciativas deste tipo contribúen tamén a proxección exterior da cidade como destino patrimonial, nun momento no que Ferrol traballa na posta en valor do seu sistema de fortificacións e do conxunto histórico vinculado á ría.

