fbpx
Arquivo - Unha persoa camiña por un cemiterio / Histagra

Tres foxas da represión franquista, tres historias por recuperar: así serán as intervencións de Histagra

Tempo de lectura: 2 min.

O Grupo de Investigación Histagra liderará un novo proxecto para o estudo das foxas da violencia franquista situadas en Serantes (Ferrol), Beira (Carral) e Boisaca (Santiago de Compostela), grazas a un convenio asinado entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña. A iniciativa contará cun investimento de 150.000 euros e permitirá avanzar na localización, análise e posible recuperación de restos das vítimas.

Os traballos incluirán investigación histórica, intervencións arqueolóxicas e estudos de antropoloxía forense, co obxectivo de determinar o estado de conservación das foxas e afondar na identificación das persoas enterradas. O proxecto estará dirixido polos investigadores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho, e contará cun equipo multidisciplinar vinculado ao CISPAC.

Ademais da vertente científica, o programa incorpora unha dimensión social e divulgativa, coa elaboración dunha peza audiovisual sobre o proceso e a creación de materiais académicos que serán incorporados á biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia da USC.

Serantes: unha das maiores foxas da represión en Galicia

A foxa do cemiterio de Serantes, en Ferrol, constitúe un dos enclaves máis significativos da represión franquista en Galicia. Segundo os datos dispoñibles, polo menos 71 persoas foron enterradas neste lugar entre 1936 e 1939, aínda que a cifra total podería ser maior á espera de novas investigacións.

As vítimas foron executadas principalmente mediante “paseos”, unha das prácticas represivas máis habituais nos primeiros momentos da guerra. A foxa foi obxecto dunha intervención parcial nos anos sesenta por iniciativa de familiares, e ao longo do tempo incorporáronse placas e elementos conmemorativos que lembran ás persoas alí soterradas.

A súa dimensión e número de vítimas sitúana como unha das maiores foxas do territorio galego, o que fai especialmente relevante a avaliación da viabilidade dunha intervención integral.

Boisaca: execucións masivas no cemiterio compostelán

No caso de Boisaca, en Santiago de Compostela, a investigación centrarase nunha foxa na que se documenta o enterramento de 97 persoas entre 1936 e 1937. Trátase dun espazo vinculado tanto a execucións como a paseos, que reflicte a intensidade da represión na capital galega durante os primeiros meses do franquismo.

A pesar de contar con memorialización e sinalización, nunca se realizou unha intervención arqueolóxica neste lugar. A información sobre as vítimas procede en gran medida de arquivos e da base de datos Nomes e Voces, que recolle as identidades de numerosas persoas represaliadas.

A actuación permitirá por primeira vez abordar de forma sistemática a análise desta foxa, tanto desde o punto de vista histórico como forense.

Beira (Carral): unha foxa ligada aos primeiros episodios da represión

A foxa situada no cemiterio de Santa María de Beira, no concello de Carral, presenta características distintas ás anteriores. Neste caso, están documentadas 18 persoas asasinadas en 1936, tamén mediante a práctica dos paseos.

O lugar conta cun monumento conmemorativo inaugurado en 2023 pola Asociación Cultural Cultura Aberta de Carral, que contribúe á visibilización da memoria das vítimas. Non obstante, ata o momento non se levaron a cabo intervencións arqueolóxicas.

As fontes xudiciais da época recollen casos de persoas falecidas por disparos na zona, o que permite contextualizar a foxa dentro dos primeiros episodios de violencia tras o golpe de Estado.

Pode que che interese...