Tui impulsará unha nova fase de escavación tras os achados romanos na praza do Pracer
O Concello de Tui vén de decidir a continuidade das investigacións arqueolóxicas na praza do Pracer logo dos resultados obtidos nas sondaxes realizadas nos primeiros meses do ano, que permitiron documentar importantes restos de época romana no corazón do conxunto histórico.
As intervencións levadas a cabo entre xaneiro e febreiro enmárcanse no proxecto de reforma e reurbanización da praza, incluído no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) baixo o lema “Vive a Historia, Descubre Tui: Conexión sostible entre patrimonio e natureza”. Estas actuacións, realizadas conforme á normativa patrimonial, deron lugar a un informe técnico emitido en marzo pola dirección da escavación, a cargo dos arqueólogos Mª Soledad Prieto e Juan José Perles.
O documento conclúe que a entidade, extensión e estado de conservación dos restos fan inviable a execución do proxecto inicial nos termos previstos. En particular, o informe desaconsella medidas como a plantación de árbores, ao considerar que “resulta incompatible coa conservación das estruturas arqueolóxicas en posición primaria documentadas e polo tanto debe descartarse”.
Durante as sondaxes identificáronse muros, pavimentos, sistemas de drenaxe, unha escaleira e unha estrutura circular, interpretada como pozo ou silo de almacenamento. Estes elementos foron datados entre os séculos I e IV d.C., o que confirma a ocupación romana deste espazo urbano e achega nova información sobre o coñecemento histórico de Tude.
O informe subliña a relevancia patrimonial dos achados, destacando a súa conservación nun espazo público sen afeccións posteriores e a súa natureza como estruturas de carácter habitacional en posición primaria. Neste sentido, sinala que se trata dun conxunto “de enorme relevancia no contexto do conxunto histórico de Tui” e cualifica a súa localización como un feito “excepcional e de grande interese”.
Á vista destes resultados, o Concello considera necesario desenvolver unha nova fase de escavación en área, que permita ampliar a superficie investigada, conectar os sectores xa estudados e profundar no coñecemento da evolución histórica da cidade. O informe xa foi remitido á Dirección Xeral de Patrimonio para a súa avaliación, mentres o goberno local traballa na definición técnica e económica da continuidade da intervención.
Paralelamente, o Concello estuda, en coordinación coas administracións competentes, as opcións para a conservación, protección e posible posta en valor dos restos, incidindo en que “o patrimonio non é un obstáculo, senón unha oportunidade para coñecer mellor a nosa historia e poñela ao servizo da cidadanía”.
Dende o executivo local destacan que estes descubrimentos constitúen unha oportunidade para avanzar no coñecemento histórico de Tui e reiteran o seu compromiso coa protección do patrimonio, así como coa adopción de decisións baseadas en criterios técnicos no ámbito do conxunto histórico.

