Un documental recupera a memoria das mulleres no movemento estudantil galego dende o tardofranquismo
A cooperativa Mazarelos vén de presentar En loita (2026), un proxecto documental que pon o foco na participación das mulleres no movemento estudantil galego desde os últimos anos do franquismo ata os inicios da democracia. A peza, dispoñible en aberto a través da súa páxina web, foi desenvolvida en colaboración coa Asociación Memoria e Cinema e co grupo de investigación HISTAGRA.
O documental estrutúrase a partir das voces de María Xosé Rodríguez Galdo, Nanina Santos Castroviejo, Sabela Mouriz Barja e Celia Balboa Guerra, catro mulleres pertencentes a distintas xeracións universitarias que achegan os seus testemuños en primeira persoa. A través das súas experiencias, a peza aborda cuestións como o feminismo, a organización estudantil, a memoria colectiva e as distintas formas de activismo desenvolvidas en contextos históricos diversos.
As protagonistas constrúen unha narrativa compartida na que se evidencia a continuidade da mobilización estudantil feminina ao longo do tempo. Os seus relatos permiten reconstruír unha historia na que diferentes xeracións de mulleres “dialogan entre si”, asumindo o relevo da loita por dereitos e pola incorporación do pensamento feminista no ámbito universitario.
O proxecto non se presenta como unha obra pechada, senón como unha iniciativa en proceso. Segundo explican desde a organización, “o documental nace como un punto de partida” dentro dunha liña de traballo centrada na historia oral e na recuperación de memorias tradicionalmente invisibilizadas. Neste sentido, fan un chamamento á participación de persoas e entidades para contribuír con documentación, relatos ou experiencias que permitan ampliar o contido.
O obxectivo final é a creación dun arquivo vivo, capaz de integrar novas voces e materiais que completen e enriquezan esta historia colectiva sobre o papel das mulleres no movemento estudantil galego.
O proxecto foi recoñecido na VII Edición dos Premios Luisa Villalta a proxectos pola igualdade, convocados pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña, un galardón que distingue iniciativas centradas na promoción da igualdade e na recuperación da memoria das mulleres.

