fbpx

Unha produtora borra parcialmente unha pintada de 1933 vinculada a Celso Emilio Ferreiro no mosteiro de Celanova

Tempo de lectura: 2 min.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova denunciou publicamente a deterioración dunha pintada histórica realizada en 1933 por membros das Mocidades Galeguistas, entre eles Celso Emilio Ferreiro e Pepe Veo, na fachada do mosteiro de Celanova. Segundo trasladou o colectivo, os feitos producíronse durante a rodaxe dunha serie para Netflix cando membros do equipo dunha produtora comezaron a borrar parte da inscrición.

A pintada anunciaba no seu momento o lanzamento de ‘Adiante Semanario’, unha publicación vinculada ao movemento galeguista. Case un século despois da súa realización, a intervención provocou que unha das palabras quedase emborronada, concretamente a palabra ‘Semanario’, segundo explicou o colectivo nunha mensaxe difundida nas redes sociais.

De acordo co relato do Comité de Memoria Histórica, os feitos ocorreron arredor das oito da mañá do venres, cando persoas do equipo de rodaxe comezaron a limpar a pintada cun pano e un líquido, aparentemente porque a inscrición resultaba visible no fondo dunha escena que estaban a preparar.

Un veciño da praza decatouse da situación e saíu da súa vivenda para advertir ao equipo sobre o valor histórico da pintada. Segundo o colectivo, nun primeiro momento non lle permitiron achegarse, polo que o home tivo que elevar o ton de voz para chamar a atención sobre o que estaba a suceder. Finalmente, presentáronse os responsables da rodaxe, cos que dialogou ata conseguir que detivesen a acción de limpeza.

Críticas pola falta de protección

O Comité de Memoria Histórica lamentou o ocorrido e cualificou o episodio como un “atentado contra o patrimonio histórico”. Ademais, recordou que durante anos advertira da necesidade de garantir unha protección efectiva da pintada, que se conserva nun espazo público do mosteiro.

Segundo sinalou o colectivo, a falta de medidas de protección e o descoñecemento do seu valor histórico facilitaron que se producise a intervención, que consideran unha “agresión severa” contra este testemuño do movemento galeguista dos anos trinta.

Ante esta situación, reclamaron unha resposta institucional por parte do Concello de Celanova e da Consellería de Cultura, ademais de solicitar que as persoas responsables da intervención asuman os custos da restauración da pintada.

Condena do Concello

O Concello de Celanova reaccionou tamén o propio venres cun comunicado asinado polo alcalde, Antonio Puga, no que manifestou a súa “enérxica condena” pola deterioración da pintada.

O rexedor cualificou a inscrición como un símbolo que forma parte da memoria colectiva e do patrimonio inmaterial da vila e asegurou que o goberno municipal esixirá aos responsables unha intervención urxente para reparar os danos causados.

Pode que che interese...