fbpx
A activista galega África Leira Sanmartín / CCG

Unha vida de loita: o Consello da Cultura Galega recupera a memoria de África Leira Sanmartín

Tempo de lectura: 2 min.

O Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega vén de incorporar unha nova entrada dedicada a África Leira Sanmartín (Ferrol, 1948 – Burela, 2025), unha figura destacada do activismo social, político e internacionalista en Galicia. A biografía, elaborada por Mercedes Teixeiro e Luísa Cuevas, propón unha lectura ampla da súa traxectoria, definida como “activa e combativa, transgresora e subversiva”, e reconstrúe unha vida marcada polo compromiso continuado con múltiples causas.

A entrada sitúa os primeiros anos de Leira en Ferrol e Viveiro, territorio co que sempre se identificou. Foi alí onde, sendo moi nova, iniciou a súa actividade laboral na Extensión Agraria e tamén onde comezou a implicarse na loita antifranquista. Durante esa etapa participou en estruturas ligadas ao nacionalismo galego e desenvolveu tarefas de apoio a militantes perseguidos, nun contexto de represión política. A súa actividade estivo vinculada a organizacións como a Asemblea Nacional Popular Galega ou os Comités de Apoio á Loita Labrega, ademais de participar na mobilización contra a central nuclear de Xove.

A súa chegada a Compostela a finais dos anos setenta marcou un novo momento de implicación política e social. Na cidade, colaborou de maneira militante no xornal A Nosa Terra e continuou co seu labor profesional, ao tempo que ampliaba as súas redes dentro do movemento nacionalista e cultural. A súa participación en iniciativas como a Asociación Cultural Sementeira sitúaa nun período de intensa actividade organizativa.

En 1984 trasladouse a Madrid, onde permaneceu durante quince anos. Este período supuxo unha ampliación do seu campo de acción cara ao internacionalismo e á solidariedade con movementos latinoamericanos. Dende colectivos pacifistas e anti-OTAN, participou en redes de apoio a procesos políticos en países como Nicaragua ou O Salvador, colaborando na organización de brigadas e na recollida de recursos. A súa implicación levouna tamén a colaborar con estruturas vinculadas ao movemento revolucionario salvadoreño e a participar en iniciativas de solidariedade con Cuba ou co movemento zapatista en México.

Un dos eixos centrais da súa traxectoria foi o activismo antirrepresivo. En Madrid implicouse na organización de apoio a persoas presas e ás súas familias, desenvolvendo tarefas de acompañamento, asesoramento e denuncia das condicións penitenciarias. Este labor prolongouse durante anos a través de distintas plataformas, incluíndo a creación de redes de apoio e campañas de sensibilización.

A biografía recolle tamén o seu compromiso co movemento obreiro, participando en mobilizacións sindicais e folgas xerais, así como a súa implicación en espazos antifascistas e de base social. A dimensión colectiva e organizativa do seu activismo aparece como un elemento constante ao longo de toda a súa vida.

Tras o seu regreso a Galicia en 1999, Leira continuou activa en diferentes ámbitos, especialmente no feminismo e no independentismo de base. Formou parte de colectivos como Mulheres Nacionalistas Galegas ou a Marcha Mundial das Mulleres, e participou en proxectos comunitarios e de comunicación social. A súa presenza mantívose tamén en espazos de apoio a persoas presas e en iniciativas vinculadas á memoria e á mobilización social.

Nunha etapa posterior, decidiu instalarse en Venezuela, onde se integrou en procesos organizativos ligados ao movemento bolivariano, participando en iniciativas sociais relacionadas coa vivenda ou a sanidade. A súa casa converteuse nun punto de encontro para redes internacionalistas, mantendo o vínculo entre Galicia, América Latina e outros movementos sociais.

Regresou definitivamente a Galicia en 2020, continuando coa súa participación en mobilizacións sociais ata os últimos anos da súa vida. A entrada do Álbum de Galicia subliña que “marchou de xeito discreto, sen facer ruído”, en coherencia cunha traxectoria marcada pola militancia de base e afastada do protagonismo público.

Pode que che interese...