fbpx
Castelo de Corbeiroa / Memoria de Sada

Veciñanza e partidos políticos activan unha ofensiva institucional para abrir ao público o castelo de Corbeiroa

Tempo de lectura: 3 min.

A mobilización cidadá para recuperar o castelo de Corbeiroa, situado entre os concellos de Sada e Bergondo, comeza a traducirse en iniciativas políticas destinadas a garantir a súa conservación e facilitar o acceso público a este espazo patrimonial. A campaña está impulsada pola Asociación de Veciños da Obra de Sada, que nos últimos meses iniciou unha serie de accións para denunciar a situación de bloqueo na que se atopa este Ben de Interese Cultural (BIC).

Segundo explican desde a entidade veciñal, o obxectivo é poñer fin á actual falta de accesibilidade a un monumento que, malia a súa relevancia histórica, permanece practicamente pechado á cidadanía. A asociación reclama que o recinto deixe de ser un espazo inaccesible e se converta nun recurso cultural e pedagóxico aberto ao público. “Non cesaremos nas nosas mobilizacións ata que deixe de ser un recinto pechado e pase a ser o recurso cultural e pedagóxico que Sada e Galicia merecen”, sinalan desde o colectivo.

A presión exercida pola veciñanza comezou a ter eco nas institucións. O BNG xa presentou unha iniciativa no Parlamento de Galicia para instar á Xunta a garantir o acceso público ao monumento e impulsar actuacións de conservación nas súas estruturas. Ademais, a formación nacionalista prevé preguntar na Comisión de Cultura polas medidas adoptadas ata o momento e polos plans futuros para este espazo.

Pola súa parte, o PSOE mostrou tamén o seu apoio ás reivindicacións da asociación veciñal e anunciou a intención de coordinar actuacións conxuntas nos concellos de Sada e Bergondo, así como na Deputación da Coruña e na cámara autonómica.

Tamén Alternativa dos Veciños, que non conta con representación parlamentaria, trasladou as demandas directamente á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta. Ademais, o Concello de Bergondo aprobou recentemente unha iniciativa desta formación para instar á administración autonómica a “poñer en valor” este elemento patrimonial.

Paralelamente, a Valedora do Pobo interesouse pola situación do castelo, que segundo diferentes voces leva décadas nun estado de abandono e esquecemento.

O castelo de Corbeiroa conta coa protección de Ben de Interese Cultural desde 1949. A lexislación galega de patrimonio establece que os titulares de bens declarados BIC deben permitir a visita pública gratuíta polo menos catro días ao mes durante un mínimo de catro horas cada xornada.

Porén, segundo denuncia a Asociación de Veciños da Obra, esta obriga non se está cumprindo. Tras unha visita guiada organizada pola propia entidade en xaneiro, non se programaron novas datas de apertura. “Non podemos permitir que un dereito cidadán se converta nunha concesión arbitraria”, sinalan desde o colectivo.

A asociación reclama así a creación dun calendario estable de visitas, así como a súa difusión pública para garantir que calquera persoa poida acceder ao monumento.

Unha batería defensiva ligada á historia industrial de Sada

As ruínas do castelo de Corbeiroa sitúanse nun cabo que protexe a costa sur da ría de Sada. A fortificación foi construída no século XVIII como batería defensiva, xunto co castelo de Fontán, para protexer unha zona que na época experimentaba un notable desenvolvemento industrial e marítimo.

Desde finais do século XVII instalaranse na vila fábricas téxtiles promovidas polos empresarios flamengos Baltasar de Roo e Adrián Kiel, dedicadas á produción de lonas e cordaxes para a Armada Real. Estas industrias empregaron a boa parte da poboación local, transformando temporalmente a economía dunha comunidade tradicionalmente ligada á pesca.

Ao mesmo tempo, o porto de Sada contaba cunha activa frota pesqueira e cun sistema de lagares de salgadura de sardiña, impulsado por comerciantes cataláns que exportaban o produto a distintos mercados peninsulares. Neste contexto de actividade económica e marítima, as baterías defensivas de Fontán e Corbeiroa convertéronse en elementos clave para a protección da costa.

A fortificación tivo tamén relevancia durante a Guerra da Independencia, cando recuperou a súa función militar. A tradición local recolle un episodio protagonizado polo rexedor Manuel Colmelo Freire de Andrade, quen, segundo relata o escritor Manuel Lugrís Freire, afundiu unha embarcación utilizada por soldados franceses ao retirar unha táboa mentres estes cruzaban a ría, un feito que tería contribuído á posterior derrota das tropas napoleónicas na batalla de Ponte Sampaio.

Un símbolo patrimonial para Sada

Co paso do tempo, o castelo de Corbeiroa acabou por converterse nun símbolo identitario da vila, ata o punto de formar parte do escudo municipal de Sada. Con todo, a degradación das estruturas e as dificultades de acceso fixeron que durante décadas permanecese practicamente oculto e fóra dos circuítos de visita.

A Asociación de Veciños da Obra considera que a recuperación do espazo permitiría revalorizar o patrimonio histórico da comarca e ampliar a oferta cultural do litoral coruñés. Mentres non se materialicen medidas concretas, a entidade advirte de que continuará coas súas mobilizacións para reclamar a apertura do recinto.

Pode que che interese...