fbpx
Exposición no Museo do Castro de Viladonga / Xunta de Galicia

Viladonga amosa nunha exposición como se producía ferro na antigüidade a través da arqueoloxía experimental

Tempo de lectura: 2 min.

O Museo do Castro de Viladonga, situado no concello de Castro de Rei, acolle desde estes días a exposición ‘A siderurxia no Castro de Viladonga. Unha achega dende a antigüidade’, unha mostra que reúne os resultados dun proxecto de arqueoloxía experimental desenvolvido nos últimos anos neste centro dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

A presentación da exposición tivo lugar na Delegación Territorial da Xunta en Lugo nun acto no que participaron o delegado territorial, Javier Arias, a directora do museo, Elena Varela, o comisario da mostra, Diego Torres, e o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, entre outros representantes institucionais.

A mostra reúne paneis informativos, unha selección de obxectos metálicos procedentes do castro e do seu contorno, así como o forno empregado nas probas experimentais, unha reprodución dun forno de tipo galo-romano construído con pedra local e pallabarro. Este elemento constitúe unha das pezas centrais da exposición, ao permitir explicar visualmente o proceso de produción do ferro na antigüidade.

Segundo explicou Javier Arias, o proxecto impulsado pola Xunta partiu dun estudo amplo sobre as materias primas dispoñibles na contorna de Viladonga, as técnicas empregadas na transformación do mineral e as ferramentas utilizadas na metalurxia antiga.

O traballo contou coa colaboración da cooperativa Árbore Arqueoloxía, mentres que a parte experimental foi desenvolvida polos ferreiros Friedrich Bramsteildl e Jon Sánchez, especializados na reprodución de procesos metalúrxicos históricos.

No marco deste proxecto realizouse unha experiencia destinada a recrear os procedementos tradicionais de redución do mineral de ferro. Para iso empregouse goethita procedente da zona de Valdeorras, xunto con carbón vexetal e ósos utilizados como escorificante, elementos que permitiron reproducir as condicións nas que se desenvolvía a produción de ferro na antigüidade.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o mes de outubro e busca facilitar unha aproximación didáctica aos primeiros procesos metalúrxicos, abordando cuestións como a obtención dos minerais, a transformación do ferro, a aparición de subprodutos derivados do proceso ou a fabricación de utensilios metálicos.

Ademais da mostra física, nos próximos días difundirase tamén un documental en liña titulado Da pedra ao ferro, que estará dispoñible na páxina web e nas redes sociais do museo. O audiovisual recollerá as distintas fases da investigación e da experimentación realizadas en Viladonga, co obxectivo de achegar ao público o proceso completo que permitiu reconstruír estas técnicas antigas.

Pode que che interese...