A Fonoteca Escolas Proval rescata voces anteriores á Guerra Civil grazas ao traballo do alumnado
A chamada Fonoteca Escolas Proval (FEP) constitúe hoxe un dos exemplos máis destacados de recolla de historia oral realizada no ámbito educativo en Galicia, tras a recuperación e catalogación dun amplo conxunto de materiais que permanecera durante anos almacenado en caixas nun instituto do Val Miñor. O proxecto, iniciado nos anos noventa por profesorado e alumnado, foi recentemente reorganizado e depositado no Arquivo Sonoro de Galicia, dependente do Consello da Cultura Galega.
A profesora Tereixa Otero Dacosta, que liderou a recuperación deste fondo, explicou este xoves no Consello da Cultura Galega que o descubrimento foi accidental: “Cando empezamos a organizar e a catalogar o que había alí gravado e escrito, superou con moitas creces o que pensabamos que podía haber”. A partir dese momento, o obxectivo principal foi garantir a conservación e accesibilidade dun material que evidenciaba un valor que ía moito máis alá dunha práctica pedagóxica.
Un proxecto educativo interxeracional (1994–2000)
A orixe da colección remóntase ao traballo impulsado polo profesorado María José González Chamorro e Vieto Legaspi nas Escolas Proval entre 1994 e 2000. A súa metodoloxía baseábase nunha proposta interxeracional, na que o alumnado entrevistaba persoas do seu entorno —familiares e veciñanza— utilizando cuestionarios previamente elaborados.
Este proceso xerou dous tipos de rexistros complementarios, as gravacións en cintas de casette e as transcricións escritas realizadas polo propio alumnado. Otero subliñou que, malia a desigual calidade das transcricións, estas constitúen un corpus esencial, xa que en moitos casos conservan información de audios que hoxe están perdidos.
O volume da colección evidencia a súa relevancia: 115 horas e 51 minutos de gravacións, máis de 4.000 fragmentos ou ‘tracks’ e arredor de 1.200 persoas implicadas entre entrevistados, alumnado e profesorado.
A maioría das persoas entrevistadas naceran antes de 1936, o que permite reconstruír cambios culturais, lingüísticos e sociais ao longo do século XX, desde a preguerra ata a segunda metade do século.
A investigación destaca que esta característica permite analizar evolucións na lingua, na transmisión oral e nos contidos culturais: “pódense ver perfectamente os cambios culturais e os procesos […] dende as persoas nadas antes da Guerra Civil ata as xeracións posteriores”.
A Fonoteca recolle unha ampla variedade de xéneros e contidos da tradición oral galega, entre os que destacan:
- Cantigas e música tradicional: alalás, romances, cantos de Nadal, entroido ou labor.
- Relatos e lendas: con presenza de mouras, serpes, pantasmas ou figuras mitolóxicas.
- Contos populares: con protagonismo de animais ou figuras como os curas.
- Oracións e prácticas relixiosas: tanto litúrxicas como paralitúrxicas.
- Memoria histórica: relatos sobre a Guerra Civil, a posguerra, a fame ou a vida cotiá.
Tamén se documentan prácticas sociais como os fiadeiros, as festas tradicionais ou as formas de sociabilidade do pasado, así como relatos sobre persoas agochadas ou episodios vinculados ao conflito bélico.
Do abandono á institucionalización
Tras a morte de María José González Chamorro en 2018, o arquivo quedou sen continuidade ata que, anos despois, o equipo liderado por Otero iniciou o proceso de recuperación. Este implicou ordenar, catalogar e emparellar materiais sonoros e escritos, nun conxunto que presentaba problemas como numeracións duplicadas ou rexistros incompletos.
O proceso culminou o 3 de xaneiro de 2025, coa cesión oficial ao Arquivo Sonoro de Galicia. A investigadora destacou o apoio da familia da docente falecida e do centro educativo durante todo o proceso.
Unha fonte para a investigación e a pedagoxía
Ademais do seu valor patrimonial, a Fonoteca Escolas Proval constitúe un exemplo de metodoloxía educativa baseada na participación do alumnado na investigación cultural. Otero sinalou que se trata dun “elemento pedagóxico moi potente”, ao tempo que un instrumento de conservación da cultura galega.
O material xa comezou a difundirse a través da Revista de Estudos Miñoráns, coa intención de continuar a súa publicación e análise en distintos formatos.

