A fosa de Triacastela: a memoria dos “do monte” que resistiron ata a morte

Tempo de lectura: 3 min.

A historia da fosa de Vilavella, no concello lucense de Triacastela, é a dunha memoria que permaneceu latente durante décadas entre a veciñanza ata que, en 2010, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) conseguiu localizar e exhumar os restos de tres guerrilleiros antifranquistas mortos en 1943. Aqueles homes, coñecidos popularmente como “os do monte”, foron identificados anos despois como Pedro Voces Canóniga, Félix Yáñez González e Antonio Vega Guerrero.

O episodio remóntase ao 12 de novembro de 1943, cando un grupo de guerrilleiros foi rodeado pola Garda Civil na parroquia de Vilavella. Tres deles morreron no enfrontamento e un cuarto conseguiu escapar ferido. Segundo a reconstrución dos feitos, baseada tanto na documentación militar como na memoria oral, os guerrilleiros atopábanse agochados nunha vivenda da zona, onde tamén realizaban traballos para quen lles daba acubillo. “Alguén os delatou e montouse unha refriega moi dura coa Garda Civil”, explica Marco González, membro da ARMH que participou nos traballos de exhumación.

Un dos elementos que marcou a memoria colectiva foi o tratamento posterior dos cadáveres. A Garda Civil expúxoos publicamente antes de proceder ao seu enterramento xunto á igrexa, unha práctica que buscaba escarmentar e reforzar o control social. Malia o paso do tempo, o recordo daquel episodio mantívose vivo entre algúns habitantes da zona, aínda que non sempre de maneira aberta.

A localización exacta da fosa non foi un proceso sinxelo. A ARMH baseouse nunha causa militar de 1943 que describía con detalle o enterramento, incluíndo medidas e referencias espaciais. Porén, a interpretación deses datos resultou complexa. “As indicacións de norte, sur, leste ou oeste son relativas á interpretación de quen escribiu o documento”, sinala González.

Foi finalmente a intervención dun veciño de idade avanzada a que permitiu resolver o enigma. “Un home de máis de noventa anos achegouse e dixo: ‘non estades buscando aí, é do outro lado da igrexa’”, relata. A súa indicación levou ao equipo ao lugar correcto, situado nunha zona pouco utilizada do antigo espazo funerario, entre o muro da igrexa e o peche exterior. Alí apareceron os restos.

Segundo explica González, tratábase dun punto onde non se documentaron outros enterramentos, o que reforza a hipótese de que aqueles corpos foron depositados alí de maneira excepcional. “Era un lugar onde non se enterraba xente da parroquia, eran persoas alleas e represaliadas”, indica.

Tras a exhumación, iniciouse un proceso de análise forense que culminou en 2013 coa identificación dos tres guerrilleiros. A participación das familias foi fundamental. “Nós non facemos ningunha intervención se non hai unha petición das familias, son elas quen teñen todo o protagonismo”, subliña González.

Dúas das vítimas puideron ser entregadas aos seus familiares, mentres que os restos atribuídos a Antonio Vega Guerrero continúan custodiados pola asociación, á espera dunha identificación definitiva. No caso de Pedro Voces Canóniga, pertencente á coñecida familia dos Pitaciegas, a represión estendeuse tamén a outros membros. “Era unha familia moi significada politicamente e moi perseguida”, explica.

Os feitos de Vilavella inscríbense no contexto da guerrilla antifranquista, activa en Galicia e nas zonas limítrofes durante anos despois do remate da Guerra Civil. Estes grupos, organizados en partidas, sobrevivían no monte grazas ao apoio dunha rede de enlaces, coñecida como “guerrilla do llano”, que lles proporcionaba alimento, refuxio e información.

Para González, é esencial reinterpretar o papel destes homes. “Non estaban no monte porque lles gustase, eran persoas perseguidas politicamente”, afirma. A súa actividade non se limitaba á supervivencia, senón que tamén desenvolvían accións de propaganda e resistencia contra o réxime.

Memoria, política e presente

A recuperación da fosa de Triacastela ten un significado que vai máis alá do ámbito familiar. Supón cuestionar décadas de silencio e reivindicar a dignidade das vítimas. “É importante que as familias poidan enterrar os seus nun lugar digno, non onde decidiron os seus asasinos”, destaca González.

Porén, o traballo da memoria histórica continúa atopando obstáculos. O representante da ARMH critica a falta de implicación institucional e o modelo actual de xestión das exhumacións. “España é o único lugar onde se abren fosas sen intervención directa da xustiza e mediante subcontratacións”, denuncia.

Ademais, alerta do risco de banalización ou esquecemento. A presenza de simbología franquista en espazos públicos e privados, así como a falta de educación sobre este período histórico, constitúen, ao seu xuízo, un problema de fondo. “Se non hai unha labor pedagóxica, a sociedade non entende o que significan estes símbolos nin o que pasou realmente”, sinala.

Pode que che interese...