Alerta patrimonial en Outeiro de Rei: denuncian risco inminente para petróglifos e mámoas por traballos forestais
A asociación Mariña Patrimonio vén de trasladar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural unha denuncia pola situación de risco grave que afecta a diversos bens arqueolóxicos situados na parroquia de Parada, no concello lucense de Outeiro de Rei, onde se están a desenvolver traballos forestais de corta de piñeiros con maquinaria pesada e está prevista unha posterior plantación de eucaliptos.
O principal foco de preocupación sitúase nos Petróglifos de Parada, localizados nas coordenadas X 609154, Y 4768054. Segundo indica a entidade, sobre a rocha que contén os gravados rupestres atópanse actualmente troncos de árbores xa cortadas, nun contexto no que non se observan medidas de protección nin sinalización específica para preservar estes elementos patrimoniais durante as tarefas forestais.
A asociación lembra que estes petróglifos foron postos en coñecemento da administración no ano 2020, momento no que se confirmou a súa autenticidade e se lles asignou un código identificativo. Porén, segundo sinala, non figuran nin no visor do Patrimonio Cultural nin no de aproveitamentos forestais, o que dificulta a súa identificación pública e incrementa o risco de afección durante intervencións como a actual.
Ademais dos petróglifos, Mariña Patrimonio advirte da existencia doutros bens arqueolóxicos na mesma área que non estarían rexistrados oficialmente e que poderían resultar danados nos próximos días. Entre eles destacan varias estruturas tumulares: a primeira das Medorras de Parada (X 609177, Y 4767991), cunha masa tumular definida e en bo estado de conservación, rodeada de pedras con gravados de tipo coviñas; outra medorra en Parada (X 609623, Y 4768360), que conserva elementos da cámara e do corredor, ademais da súa estrutura tumular, e a Medorra das Latas (X 609281, Y 4768523), onde aínda se manteñen chantos da cámara funeraria.
Segundo a entidade, o conxunto destes bens constitúe unha área arqueolóxica de relevancia, que podería sufrir danos irreversibles debido á continuidade dos traballos forestais sen control específico.
Ante esta situación, Mariña Patrimonio solicita ás administracións competentes unha intervención urxente. Entre as medidas propostas inclúense a comprobación inmediata dos feitos, a inspección da zona afectada e a adopción de medidas cautelares que garantan a conservación dos xacementos.
Así mesmo, a asociación pide que se valore a paralización dos traballos forestais na contorna dos elementos patrimoniais mentres non se establezan garantías efectivas de protección. Tamén reclama que se proceda á identificación, documentación e protección do resto dos bens arqueolóxicos detectados, co obxectivo de evitar a súa deterioración ou destrución.

