Artrose, desgaste dentario ou fracturas… as evidencias óseas dos galegos da Idade do Bronce
A campaña de escavación desenvolvida o pasado verán na Cova do Santo, situada no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, no concello de Rubiá, vén de situar este enclave como un dos contextos funerarios máis relevantes da Prehistoria recente en Galicia. Os traballos, impulsados por un equipo da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigación Interuniversitario dos Paisaxes Atlánticos Culturais (CISPAC), constitúen a primeira intervención sistemática realizada nesta cavidade.
Até o momento, o lugar fora obxecto unicamente de visitas e recollidas superficiais, mais a apertura dun sondeo na cámara principal permitiu documentar un conxunto estratigráfico con máis de cen restos arqueolóxicos. Entre eles destacan principalmente ósos humanos, acompañados de restos de fauna, fragmentos cerámicos e pezas singulares como un fío de anfibolita. Entre o material cerámico, salientan fragmentos dunha xarra carenada, asociada habitualmente a prácticas funerarias da Idade do Bronce no noroeste peninsular.
Os resultados apuntan a que a cavidade foi empregada como lugar de enterramento colectivo, cun rexistro que inclúe un mínimo de dez individuos de distintas idades, desde adultos até nenos e un individuo perinatal. Segundo explican os directores da intervención, “a presenza de restos de pequeno tamaño, como falanxes ou ósos delicados, apunta a un enterramento primario ben preservado”. Este aspecto permite avanzar na comprensión das prácticas funerarias e da organización social destas comunidades prehistóricas.
Os estudos preliminares sobre o material óseo ofrecen tamén información sobre as condicións de vida da poboación. Así, detectáronse sinais de esforzo físico continuado, con patoloxías como artrose, desgaste dentario ou fracturas, ademais de indicios puntuais de actividade de carnívoros sobre os restos. “Todos estes resultados evidencian o alto interese arqueolóxico da cova e a necesidade de continuar as investigacións”, sinalan os investigadores.
A campaña tivo que ser interrompida de maneira anticipada debido aos lumes forestais que afectaron a comarca de Valdeorras durante o mes de agosto, o que limitou o alcance dos traballos previstos inicialmente.
Esta intervención inscríbese nun proxecto máis amplo centrado no estudo da Prehistoria no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, un espazo caracterizado polo seu sistema cárstico e pola súa función histórica como corredor natural entre a Meseta e o interior de Galicia. Nos próximos anos, o equipo prevé retomar as escavacións na Cova do Santo e estender a investigación a outras cavidades da zona, entre elas a Pala da Zorra, considerada prioritaria para futuras actuacións.
Ademais, está prevista a elaboración de modelos tridimensionais das cavidades, co obxectivo de facilitar tanto o traballo científico como as tarefas de difusión e conservación do patrimonio arqueolóxico.

