Betanzos inicia o camiño para retirar honras a figuras vinculadas ao franquismo
O pleno do Concello de Betanzos aprobou unha iniciativa presentada polo BNG para retirar as honras e distincións concedidas a persoas vinculadas á ditadura franquista, unha proposta que contou tamén co apoio do PSOE. A medida abre a porta á revisión de recoñecementos como medallas municipais ou a presenza de determinados nomes no rueiro da localidade.
Desde a formación nacionalista lembraron que esta actuación se enmarca na aplicación da Lei 20/2022 de memoria democrática, unha normativa estatal orientada a reparar e recoñecer ás vítimas do franquismo e a eliminar elementos de exaltación da ditadura. Segundo indicaron, trátase de dar resposta a demandas históricas dos colectivos memorialistas, aínda que consideran que a lei “non fai xustiza plena coas vítimas”.
O concelleiro do BNG, Salvador González, puxo o foco na permanencia de distincións a figuras como Juan Jesús García Iribarne, José Fariña Ferreño ou Manuel Fraga Iribarne, asegurando que “en pleno 2026 non se pode permitir que se manteñan honras tan elevadas como a medalla de prata ou que o noso rueiro inclúa os nomes destas persoas”. Segundo explicou, estas figuras estiveron ligadas á estrutura da ditadura, xa fose pola súa participación no golpe de Estado, polo desempeño de cargos relevantes durante o réxime ou pola súa vinculación a episodios como o espolio do Pazo de Meirás.
O BNG subliñou que outros concellos galegos xa avanzaron neste proceso de retirada de honras, citando casos como A Coruña, Ferrol, Pontedeume ou As Pontes, onde se adoptaron medidas semellantes no marco da recuperación da memoria democrática.
Neste contexto, González reclamou a convocatoria da Comisión de Nomenclátor, Honras e Distincións, co obxectivo de executar estas retiradas e adaptar a simboloxía institucional á lexislación vixente. “É necesario reunir a comisión para darlle cumprimento á lei”, afirmou.
A iniciativa aprobada tamén recupera outra demanda pendente no municipio: a creación dun memorial no antigo Cuartel da Garda Civil de Betanzos, actual Museo das Mariñas. Segundo lembraron desde o BNG, neste espazo foi detido e torturado Benigno Andrade, coñecido como O Foucellas, unha das figuras máis representativas da guerrilla antifranquista en Galicia. A proposta para sinalizar este lugar foi aprobada hai anos, pero aínda non se levou a cabo.

