Coñece o inicio xeolóxico de Galicia, berces de reis e revolucionarios e eremitorios ocultos na nova edición de Rutas de Historia
Berces de familias reais e contrabandistas, barrios obreiros cheos de memoria, restos eremíticos agochados na Ribeira Sacra e unha viaxe ao inicio xeolóxico de Galicia. A nova tempada de primavera de Rutas de Historia propón catro roteiros que percorrerán o sur de Pontevedra, a cidade de Vigo, o corazón do Sil e a costa de Ponteceso.
Son as catro primeiras propostas primaveira-verán da novena edición do proxecto turístico e divulgativo que, desde 2017, percorre Galicia co obxectivo de poñer en valor o seu patrimonio histórico, cultural e natural. A iniciativa, impulsada polo portal historiadegalicia.gal, busca achegar á cidadanía a riqueza do pasado galego a través de experiencias guiadas sobre o terreo.
Roteiros
As andainas terán lugar o 25 de abril, 16 de maio, 6 e 20 de xuño. Todas elas desenvolveranse en horario de mañá, agás a do Preguntoiro que rematará a media tarde, cunha duración que vai das tres ás oito horas segundo o percorrido e a dificultade. Como é habitual, estarán guiadas por especialistas —arqueólogos, escritores, divulgadores e científicos— que contextualizarán historicamente cada parada. A partir de setembro daranse a coñecer as seguintes catro propostas de outono.
As persoas interesadas deberán levar roupa e calzado axeitados, así como comida e bebida nos roteiros de maior duración. A inscrición realizarase previamente a través da páxina web do proxecto: www.rutasdehistoria.
Sendelle-Penangudes, o berce de familias reais, contrabandistas e líderes revolucionarios republicanos
Este roteiro propón unha intensa viaxe pola historia de Galicia condensada nun pequeno territorio do concello de Crecente. Ao longo de 12 quilómetros, os participantes descubrirán a evolución social, política e cultural dunha zona marcada pola súa conexión coa nobreza medieval e cos revolucionarios contemporáneos. Tamén visitaremos o lugar da maior catástrofe ferroviaria de Galicia antes de Angrois, acontecida a comezos do século XX.
Guía: Perfecto Ramos, divulgador e escritor
Data: 25 de abril
Duración: 5 horas | Lonxitude: 12 km | Dificultade: media-alta
Percorrendo o Vigo obreiro da nena Begoña Caamaño
Este roteiro urbano percorre o barrio vigués do Calvario a través da memoria da escritora Begoña Caamaño, figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026. Trátase dun percorrido vital e colectivo que reconstrúe a infancia da autora nun contexto de loita e transformación social. Ao longo das rúas do barrio, visitaranse espazos emblemáticos como o mercado, os cines, a Sociedade de Agricultores ou antigas fábricas, que axudan a entender a identidade obreira da zona. Tamén se evocarán episodios persoais da autora, como a súa formación ou as experiencias que marcaron o seu carácter.
Guía: Marcos Calveiro, escritor e director de Edicións Xerais de Galicia
Data: 16 de maio
Duración: 3 horas | Lonxitude: 6 km | Dificultade: baixa
O Preguntoiro: na procura de restos eremíticos na Ribeira Sacra
Este esixente roteiro percorre unha zona pouco coñecida da Ribeira Sacra lucense, na contorna de Pombeiro e O Preguntoiro, no concello de Pantón. Ao longo de 12 quilómetros, os participantes descubrirán paisaxes de viñedo, fragas autóctonas e importantes restos arqueolóxicos. A visita comeza na igrexa románica de San Vicente de Pombeiro, antigo mosteiro vinculado á orde de Cluny. Desde alí, o grupo descenderá cara unha adega tradicional antes de internarse en bosques e antigas sendas empedradas que conducen ata os xacementos de Preguntoiro.
Guías: Sonia Rodríguez, arqueóloga
Data: 6 de xuño
Duración: 7 horas | Lonxitude: 12 km | Dificultade: media-alta
Viaxe ao inicio dos tempos de Galicia: a unidade xeolóxica Malpica-Tui
Este roteiro pola costa de Ponteceso ofrece unha perspectiva diferente da historia: a xeolóxica. Ao longo de 5 quilómetros, os participantes poderán comprender os fenómenos que deron lugar á formación do territorio galego hai centos de millóns de anos. O percorrido inclúe a observación de formas graníticas modeladas pola erosión, a espectacular duna trepadora do Monte Branco —a máis alta de Europa— e a desembocadura do río Anllóns. A ruta remata na praia de Balarés, coñecida polas súas concentracións de minerais pesados.
Guía: Juan Ramón Vidal Romaní, xeólogo e catedrático da UDC
Data: 20 de xuño
Duración: 4 horas | Lonxitude: 5 km | Dificultade: baixa
O proxecto
Rutas de Historia continúa consolidándose como unha das iniciativas máis destacadas na divulgación do patrimonio galego. O proxecto busca transmitir a importancia das paisaxes, os restos arqueolóxicos, as tradicións e as historias locais como elementos clave para comprender a identidade de Galicia.
Ademais, pretende fomentar a protección e valorización destes recursos como motor de desenvolvemento local. Ata o momento xa son máis de 4.000 as persoas que participaron nalgún dos 66 roteiros realizados en 72 concellos diferentes de Galicia.
A iniciativa naceu en 2017 da man do xornalista e profesor Xurxo Salgado, co obxectivo de achegar a historia ao gran público a través de experiencias directas sobre o territorio.

