Da clandestinidade ao feminismo organizado: catro voces femininas relatan a mobilización estudantil en Galicia
O documental En loita (2026) recupera unha parte pouco incorporada ao relato público sobre a contestación universitaria en Galicia entre o tardofranquismo e os primeiros anos da democracia: a participación das mulleres no movemento estudantil e a relación dese activismo coa posterior articulación do feminismo galego. A peza, impulsada pola cooperativa Mazarelos en colaboración con Memoria e Cinema e co apoio do grupo de investigación HISTAGRA, está construída a partir dos testemuños de María Xosé Rodríguez Galdo, Nanina Santos Castroviejo, Sabela Mouriz Barja e Celia Balboa Guerra, pertencentes a distintas xeracións universitarias.
Lonxe de presentar estas catro traxectorias como casos illados, o documental propón unha liña de continuidade entre décadas, dende os anos sesenta ata a consolidación da democracia, para mostrar como a universidade funcionou como espazo de politización, aprendizaxe colectiva, sociabilidade e cuestionamento da orde establecida. E, ao mesmo tempo, como nese proceso moitas mulleres abriron camiños que despois se trasladaron a outros ámbitos de militancia política e feminista.
Segundo explicou a Historia de Galicia Laura Rodríguez, responsable da investigación e do apartado histórico, o proxecto naceu tras un traballo anterior sobre o papel das mulleres na guerrilla antifranquista. Aquel proxecto deixara, segundo sinala, unha necesidade pendente: acceder á memoria oral en primeira persoa. “Notamos a carencia de poder acceder a esa memoria oral, a esas testemuñas en primeira persoa”, indica. O coñecemento da existencia do Fondo DOAME, ligado ao movemento estudantil e antifranquista, foi o punto de partida para seguir “rascando un pouquiño” e avanzar nunha liña de investigación centrada especificamente nas mulleres.
A partir dese labor, o documental buscou facer visible a presenza feminina nun movemento estudantil que, aínda sendo coñecido nalgúns episodios, non adoita ser explicado dende esa perspectiva. Rodríguez lembra que existe unha historiografía consolidada sobre as mobilizacións universitarias compostelás dos anos sesenta, especialmente as de marzo de 1968, ata o punto de que se falou de Santiago como un escenario onde o “maio foi en marzo”. Porén, considera que a continuidade do movemento estudantil ao longo das décadas e a pegada concreta das mulleres nese proceso segue sendo menos coñecida.
Para Laura Rodríguez, a historia do movemento estudantil galego queda incompleta se non incorpora estas voces. O que sucedeu nas aulas, nos corredores, nos peches e nas asembleas non foi só un conxunto de protestas puntuais, senón tamén un laboratorio de cambio social. “Nas aulas, nas facultades, foi un sementeiro, un motor de axitación, de cuestionamento, de poñer en dúbida moitas cousas”, afirma. Nese sentido, sostén que a mocidade universitaria foi “un reflexo dos cambios que estaban a acontecer”.
Esa vontade de cuestionar o coñecido aparece, precisamente, como un dos fíos condutores das catro protagonistas. Rodríguez explica que, malia pertenceren a épocas distintas, todas compartían “unha serie de inquedanzas, de reflexións, de curiosidades comúns”. A universidade funcionou para elas como un lugar de saída dos núcleos familiares, de contacto con outras realidades e de toma de conciencia. “A universidade foi como unha especie de espazo de formación, de mobilización”, resume.
A propia estrutura do documental responde a esa idea de continuidade. A investigadora di que concibiu a peza “como se fora unha cebola, con moitas capas”: un primeiro espertar nos anos sesenta, a entrada progresiva de novas demandas e, xa mediada a década dos setenta, a incorporación explícita do pensamento feminista e a creación de espazos propios de organización de mulleres.
Chegar a Santiago: a universidade como descubrimento
Nos relatos das protagonistas, a chegada a Santiago aparece como unha experiencia de apertura. María Xosé Rodríguez Galdo, da promoción de 1967 da Facultade de Filosofía e Letras, lembra a súa entrada na cidade como unha mestura de ilusión e estrañeza. Vivía na Rúa Nova, nunha residencia familiar con xente de máis idade, e aquela nova etapa significou a primeira vez fóra da casa. A cidade ofrecíalle algo que non atopara ata entón: “Era unha cidade pequena, moi activa, unha cidade de xente moi nova, comparado ao mundo do que eu viña, que era un mundo bastante máis pechado, culturalmente”.
Tamén Nanina Santos Castroviejo, matriculada no curso 1968-69, sitúa a súa chegada nese contexto de ruptura coa experiencia anterior. Define o paso á universidade como “un triple salto mortal dunha aldea perdida que non viña no mapa”. No seu caso, ademais, o contacto co movemento estudantil viña de antes, porque na casa xa se falaba das mobilizacións, dos peches e da represión que sufrían as súas irmás maiores. “As persecucións dos grises, as malleiras, todo iso estaba na casa e formaba parte da miña toma de contacto con esa realidade”, relata.
Para Sabela Mouriz Barja, da promoción de 1979, Santiago representou directamente a liberdade. “Santiago estaba precioso, estupendo… para min foi iso, a liberdade, poder facer o que querías, vivir fóra da casa”, explica. A cidade convertíase nun punto de encontro dunha mocidade procedente de toda Galicia, nun momento no que aínda non existía a diversificación universitaria posterior. Ese cruzamento de experiencias favorecía unha conexión rápida entre persoas e causas. “Calquera convocatoria do que fose, fose de estudantes, fose de ecoloxía, fose de feminismo, rapidamente conectabamos”, lembra.
No caso de Celia Balboa Guerra, que entrou en Dereito no curso 1984-85, a paisaxe universitaria xa era outra, pero seguía sendo un espazo de aprendizaxe e politización. A súa facultade, explica, era máis conservadora e máis difícil para artellar movemento, mais iso non impediu a súa implicación tanto no ámbito estudantil como no feminista. “Foron anos moi importantes, porque aprendín moito”, resume.
A universidade como espazo político e social
Laura Rodríguez insiste en que a capacidade mobilizadora da universidade non pode entenderse só pola súa composición estudantil, senón pola conexión que mantiña coa realidade do momento. Entre os anos sesenta e oitenta, afirma, eran lugares “moi conectados coa actualidade”, cheos de mocidade procedente de distintos lugares e sensibilidades. Esa interacción facía das facultades un foco de atracción para a mobilización.
As protagonistas describen con detalle esa vida universitaria na que a actividade política, cultural e social se mesturaba coa formación académica. Os espazos de encontro eran múltiples: bares, aulas, corredores, cineclubs, concertos, pisos e casas particulares. María Xosé lembra os cafés e as tertulias como lugares que a foron enriquecendo, e cita o Cineclub como “un espazo de liberdade dentro dunha orde”. Nanina apunta ao bar A Reixa e ás propias facultades como os lugares habituais de intercambio. Sabela fala de reunións nunha casa dunha amiga, “bastante anárquicas”, sen disciplina, baseadas nos comentarios das lecturas. Celia resume aquela etapa nunha sucesión de verbos: “aprender, debater, estudar, ler”.
Ese tecido de relacións e discusións era tamén un modo de facer política. As mobilizacións non quedaban limitadas ás paredes da universidade. Laura Rodríguez subliña que as súas demandas ían máis alá dos muros da facultade, e que a partir de mediados dos setenta a entrada do pensamento feminista fixo que moitas desas reivindicacións se extrapolasen a outros ámbitos, dende o traballo ata a vida cotiá.
Liberdade fronte ao franquismo
Nos testemuños das protagonistas máis vencelladas aos anos sesenta aparece con claridade o contexto represivo do tardofranquismo. María Xosé sintetiza o horizonte da época nunha formulación directa: “Imos defender a liberdade porque non nos podiamos manifestar, porque non nos podiamos reunir, porque non podiamos ler o que queriamos, porque non podiamos ver todo o cine que queriamos”. Máis ca o termo “democracia”, di, o que articulaba aquela loita era a demanda de liberdade.
A represión era real e tiña consecuencias. Nanina recorda que á saída dos concertos ou das mobilizacións podían producirse carreiras, malleiras, detencións e sancións. “Que te mallaran, que te detiveran, que te colleran con panfletos… non era risa ningunha”, explica. María Xosé sitúa o ideario daquela xeración na vontade de acabar co franquismo, entendido como a orixe da falta de liberdade e tamén como un sistema ligado a determinadas posicións de clase.
No documental aparece tamén a dimensión cultural desa loita. Nanina lembra a compra clandestina de libros nun portal da Rúa do Vilar, nun tempo no que non era posible acceder con normalidade a autores como Miguel Hernández, Antonio Machado, Blas de Otero ou García Lorca. “Hai xente que hoxe non acredita e iso é así”, di. Os concertos, dende Voces Ceibes ata Zeca Afonso, xogaron igualmente un papel mobilizador. María Xosé lembra o impacto do concerto de Raimon, que define como “un concerto político” e unha “eclosión de liberdade”.
Mulleres nun espazo masculinizado
Un dos eixes centrais da reflexión de Laura Rodríguez é a posición das mulleres nun movemento estudantil onde os nomes máis lembrados adoitan ser masculinos. “Os líderes do movemento estudantil, os máis sonados, os que trascenderon, son homes”, sinala. Iso non significa, advirte, que as mulleres non estiveran aí, mesmo en postos relevantes. Cita, por exemplo, a presenza de mulleres en organizacións como a JEC e lembra que en determinados espazos académicos, como a Facultade de Filosofía e Letras, había unha maior presenza feminina ca noutras carreiras.
Con todo, esa participación produciuse nun contexto fortemente atravesado por divisións de xénero, tanto dentro como fóra da universidade. María Xosé lembra que mesmo as condicións materiais da vida estudantil eran distintas para elas: máis horarios, máis control nas residencias, máis limitacións de movementos. “Facían que estiveran menos presentes en moitas cousas”, resume.
Celia, xa nos anos oitenta, describe unha sociedade na que as manifestacións de sexismo e machismo seguían sendo “diarias”. Recorda que unha muller soa non ía tomar un café a unha cafetería, e sitúa aquel tempo como un momento no que “había moitas cousas que conquistar”: o peso da Igrexa, a cuestión do aborto, as inercias dunha sociedade moi marcada aínda polo militar e polo autoritarismo.
Nanina leva esa reflexión tamén ao interior da esquerda. Explica que moitas mulleres coñecían “a súa alteridade tamén nos partidos de esquerda”: os postos que ocupaban eles e os que ocupaban elas, as tarefas atribuídas a uns e outras. A experiencia da desigualdade estaba aí mesmo antes de estar formulada teoricamente. Por iso, o paso á organización feminista non naceu da nada, senón dunha vivencia acumulada.
Do movemento estudantil ao feminismo organizado
Laura Rodríguez considera que unha das achegas centrais do documental é mostrar como o activismo universitario actuou como impulso para traxectorias feministas posteriores. Pon como exemplo a figura de Nanina Santos, á que presenta como unha das referentes do feminismo galego. “Comezaron nas aulas, comezaron nas facultades, pero logo a súa loita e a súa traxectoria continuou”, explica. Entre os fitos que menciona están a Asociación Galega da Muller e a revista Andaina.
No documental, Nanina relata con detalle ese proceso. Sitúa o arranque da Asociación Galega da Muller en 1976 e a súa legalización en 1977, nun contexto no que xa existían núcleos de mulleres en distintas cidades galegas. As primeiras asembleas, lembra, eran moi numerosas e celebrábanse en facultades. A decisión de facer asembleas só de mulleres xeraba tensións con algúns homes, mesmo dentro de sectores libertarios. “Non, non, son asembleas de mulleres”, di, lembrando a negativa a deixar entrar a varóns que consideraban esa separación como un factor de división.
A asociación nacía, segundo explica, coa vontade explícita de cuestionar o modelo tradicional de muller. As súas consignas falaban de sexualidade libre, anticonceptivos, aborto e, máis adiante, tamén da liberdade de homosexuais e lesbianas. Nanina lembra a dureza da reacción social: “Chamáronnos asasinas, corréronnos a escobazos, porcas”. E insiste en que moitas das reivindicacións da época hoxe poden soar afastadas, pero respondían a unha legalidade e a unha moral moito máis restritivas: “Os anticonceptivos eran ilegais ata o 82”.
Tamén Celia Balboa vincula a súa experiencia nos grupos de mulleres coa aprendizaxe procedente da Asociación Galega da Muller. Di que as máis novas aprenderon “con moito respecto” das que viviran etapas anteriores de maior represión. Entre as mobilizacións que lembra con máis forza está a loita polo aborto libre, coas pancartas na Alameda, o escándalo social que provocaban e as campañas de autoinculpación para xerar presión pública.
Outros feminismos e espazos propios
O documental tamén recolle a experiencia de Sabela Mouriz e do Colectivo Feminista Independente Galego, ligado ao feminismo independente xurdido tras a ruptura con partidos e sindicatos. Ao chegar a Santiago, explica, foi conectando con outras mulleres en charlas, cinefórums e conferencias ata que decidiron organizarse. “Non queriamos iso, non queriamos romper para acabar nun partido como fose”, afirma, marcando distancias cunha militancia feminista subordinada a estruturas políticas ou sindicais.
Sabela lembra algunhas das accións desenvolvidas por ese colectivo: unha exposición titulada ‘Como vestía unha muller?’, construída coa colaboración de mestras do rural e do urbano, ou a irrupción nun pleno municipal para denunciar o trato dado a unha muller nos calabozos. A protesta rematou con carga policial e tivo eco mediático. A activista explica que o seu posicionamento non buscaba “ser iguais” no sentido de reproducir o modelo masculino dominante, senón construír outra forma de estar. “Non é problema de enfrontamento entre sexos, senón co patriarcado”, resume.
Dentro desa mesma cultura política sitúase a publicación A Saia, que define como un vehículo de expresión do feminismo independente. O proxecto, modesto en medios, contou coa colaboración de figuras como Camiño Noia, María Xosé Queizán, Carmen Blanco ou Ana Romaní, que publicou alí un dos seus primeiros poemas. A revista e a súa estética conectaban coas redes de intercambio de libros, revistas e materiais que circulaban entre grupos feministas de distintas cidades.
Nanina, pola súa parte, sitúa Andaina como outro dos espazos fundamentais para a construción dun discurso feminista escrito en Galicia. Destaca que obrigou a poñer por escrito o que estaba a ocorrer e serviu para deixar constancia, por exemplo, da primeira comisión de mulleres lesbianas dentro da asociación. Tamén foi, ao seu xuízo, unha maneira de romper resistencias das propias mulleres á escritura pública.
Rebeldía, aprendizaxe e legado
No tramo final do documental, as catro protagonistas reflexionan sobre o que aquela experiencia deixou nas súas vidas. María Xosé destaca a capacidade de cuestionar as cousas, a importancia da solidariedade e do traballo en grupo. “Coñecer a forza que dá o grupo de estar en contacto con outra xente, non quedarte co primeiro que che digan”, sinala. Considera que esa aprendizaxe a acompañou tamén na súa profesión e na súa forma de estar no mundo.
Nanina fala do valor da organización e do traballo colectivo e reivindica a disconformidade coa sociedade e a disidencia como posición vital. “Estar máis ben sempre no lado das marxes”, di. Sabela, xa dende a súa experiencia como docente, espera que algo daquela militancia quedase nas súas alumnas, ás que aínda identifica en concentracións e espazos de mobilización. Celia sintetiza o seu legado persoal nun desexo: “Quero pensar que sigo sendo unha rebelde e espero non deixar de selo”.
Para Laura Rodríguez, precisamente, unha das cuestións máis reveladoras do proceso foi redescubrir “o poder que ten o colectivo”. Considera que nun contexto actual marcado polo individualismo, a peza documental serve para insistir na importancia de asociarse, traballar en equipo e entender que os cambios se producen tamén dende o común. Esa é, ao seu xuízo, unha das grandes aprendizaxes que deixan as protagonistas.
Nese sentido, a intervención final de Nanina no documental establece unha ponte co presente. Ao reflexionar sobre a sociedade actual, admite que hoxe é máis habitable nalgúns aspectos, pero ve tamén un debilitamento da dimensión colectiva. Relaciona o malestar de parte da xente nova cun “enorme individualismo” e coa experiencia da soidade. Fronte a iso, reivindica o que supuxo a loita compartida: “Xuntarse colectivamente, facer cousas en común, axuda moito a resolver problemas”.
Un arquivo vivo contra o silencio
Laura Rodríguez deixa clara outra idea: En loita non pretende pechar un relato, senón abrir un proceso. A investigadora insiste en que o documental quixo recuperar voces que ficaran silenciadas e poñerlles nome, pero tamén mostrar que esa é só unha parte dunha historia moito máis ampla. De feito, o proxecto nace coa vontade de seguir incorporando materiais, documentos e testemuños.
Sobre as razóns desa invisibilización, Rodríguez non ofrece unha explicación única. Considera que se trata dunha realidade “multifactorial”, na que se cruzan a represión política do franquismo, as resistencias sociais posteriores e as dinámicas estruturais que tradicionalmente expulsaron ou relegaron as voces femininas do relato histórico. Nos anos sesenta, lembra, a participación de mulleres como María Xosé estivo marcada pola clandestinidade e pola represión. Nos setenta e oitenta, aínda que creceron os espazos de liberdade, moitas das cuestións que elas colocaban —aborto, divorcio, sexualidade, crítica da heterosexualidade normativa— seguiron xerando fortes resistencias.
O documental, así, cumpre unha dobre función: restituír presenza histórica e propoñer unha lectura máis ampla da universidade galega como escenario de cambio. A través das voces de María Xosé Rodríguez Galdo, Nanina Santos Castroviejo, Sabela Mouriz Barja e Celia Balboa Guerra, En loita reconstrúe non só unha memoria da mobilización estudantil, senón tamén a xenealoxía de moitas loitas feministas posteriores.
Ao final, o que emerxe da peza e das palabras de Laura Rodríguez é que esta historia non pode ser contada unicamente a través dos nomes masculinos, dos grandes episodios coñecidos ou das datas máis citadas. Houbo tamén unha rede de estudantes, activistas e feministas que fixeron das facultades un lugar de conciencia, desacordo e organización colectiva. E esa experiencia, como suxire o propio documental, segue interpelando o presente.

