Denuncian pintadas na cripta do Mosteiro de Carboeiro e piden unha intervención urxente
O Concello de Silleda trasladou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a aparición de pintadas na parte exterior da cripta do Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, tras detectarse a finais da pasada semana a presenza de marcas e debuxos realizados sobre a superficie pétrea do monumento.
Segundo indicou o Goberno local, foi o persoal encargado da atención do cenobio quen advertiu a existencia destas intervencións, descritas como remarcados e trazos executados con material de cor branca con tonalidades alaranxadas, ademais de outros elementos gráficos alleos ao valor histórico do conxunto.
Ante esta situación, o Concello solicitou á administración autonómica a realización dunha inspección técnica que permita determinar o alcance dos danos. O obxectivo é establecer un protocolo de actuación que inclúa medidas de limpeza, conservación ou restauración, garantindo que a intervención non afecte á integridade do soporte pétreo nin á lexibilidade das inscricións existentes. Na comunicación remitida á Xunta incorporouse tamén documentación fotográfica dos danos detectados.
De maneira paralela, o executivo local reiterou a “necesidade” de actuar no muro oeste do claustro, unha zona que permanece actualmente valada e con acceso restrinxido por motivos de seguridade, á espera das intervencións necesarias para a súa reparación.
Finalmente, o Concello fixo un chamamento á cidadanía e ás persoas visitantes para “extremar o respecto e o coidado” do patrimonio histórico, subliñando o carácter “simbólico e singular” do Mosteiro de Carboeiro, un dos enclaves máis relevantes do románico galego.

