Ferrol celebra tres séculos de historia naval cunha mostra única no Museo Naval
O Museo Naval de Ferrol inaugurou unha nova exposición baixo o título ‘300 aniversario da creación do Departamento Marítimo do Norte 1726-2026’, unha proposta que convida a percorrer trescentos anos de historia naval a través de documentos, pezas e materiais de gran valor histórico.
A mostra, instalada no antigo penal de San Campio dentro do Arsenal ferrolán, reúne paneis informativos, vitrinas con libros e documentos históricos, pinturas e elementos vinculados á navegación e á cartografía, configurando un percorrido cronolóxico polo desenvolvemento do Departamento Marítimo do Norte desde a súa creación no século XVIII.
Entre as pezas expostas destacan obxectos singulares vinculados á ciencia e á navegación, como o Atlas de España de Vicente Tofiño de San Miguel, así como planchas de cobre dos séculos XVIII e XIX procedentes do Instituto Hidrográfico da Mariña, que permiten achegarse ás técnicas de produción cartográfica da época.
O acto de inauguración contou coa presenza do almirante do Arsenal de Ferrol, Vicente Rubio, do director do Museo Naval, Juan Gómez, e do alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela. Durante a súa intervención, o rexedor puxo o foco na transcendencia histórica deste acontecemento, lembrando que a creación do Departamento Marítimo do Norte en 1726, por decisión de Felipe V, marcou un punto de inflexión para a cidade.
Segundo sinalou, aquel feito provocou que Ferrol pasase de ser unha pequena aldea a converterse nun núcleo urbano vinculado á estrutura naval do Estado, cun papel destacado na organización da Armada. Neste sentido, destacou que “este terceiro centenario invítanos a mirar cara atrás e ver a importancia que tivo Ferrol no deseño da Armada e, polo tanto, da defensa española, nun momento no que España tiña unha presenza maioritaria nos mares de todo o planeta”.
A exposición poderá visitarse ata o vindeiro 28 de xuño, ofrecendo ao público unha oportunidade para coñecer a evolución histórica dun dos principais centros marítimos do noroeste peninsular e o seu impacto no desenvolvemento urbano, militar e científico da cidade.

