Na procura da porta monumental do Castro de Montes Claros na Laracha
O Concello de Laracha retoma a intervención arqueolóxica no Castro de Montes Claros co obxectivo de conservar o seu patrimonio histórico e ampliar a investigación comezada no ano 2021.
O enclave data da Idade do Ferro, dende o século IV antes de Cristo ata o inicio da alta Idade Media. Ata o momento descubríronse camiños empedrados, dous torreóns e parte dun foxo. Nas nova escavacións espérase localizar unha das portas monumentais.
Grazas a estas investigacións pódese comprender a evolución da poboación na Costa da Morte e a influencia da ocupación romana no territorio. O proxecto está dirixido pola arqueóloga Puri Soto, que tamén é encargada do programa de visitas guiadas ofrecido para dar a coñecer o Castro e amosar os resultados da escavación.
Ademais da investigación arqueolóxica e a labor divulgativa, sobresae o método de control da vexetación no castro que conta con cinco équidos. A iniciativa, pensada para a protección e mantemento do espazo de maneira sostible, foi resultado da participación da Asociación Pura Raza Cabalo Galego .

