Neandertais e humanos modernos consumían máis especies do que se pensaba, segundo unha investigación galega

Tempo de lectura: < 1 min.

Un equipo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela vén de achegar novos datos sobre a alimentación dos grupos humanos que habitaron o xacemento lugués de Cova Eirós durante o Paleolítico. O estudo, centrado nas especies consumidas por neandertais e humanos anatómicamente modernos, apunta a unha maior diversidade na dieta cárnica da que se coñecía ata o momento.

A investigación estivo liderada por Hugo Bal García, integrante do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste (GEPN-AAT) e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (Cispac), e contou coa colaboración de especialistas de distintos centros científicos.

O traballo introduciu por primeira vez neste xacemento unha análise a grande escala mediante a técnica ZooMS (Zooarqueoloxía por Espectrometría de Masas), un método que permite identificar especies animais a partir de fragmentos óseos que non poden ser clasificados polos procedementos tradicionais. Grazas a esta ferramenta, os investigadores puideron examinar 114 restos faunísticos previamente indeterminados, contrastándoos cun conxunto de máis de 8.000 pezas estudadas mediante análise morfolóxica.

Os resultados, publicados en acceso aberto na revista International Journal of Osteoarchaeology, evidencian que os grupos cazadores-recolectores que ocuparon Cova Eirós consumían unha variedade de especies máis ampla do que se pensaba. Ademais, o estudo sinala que a intensidade no procesado dos herbívoros xerou un sesgo na conservación dos restos, xa que a fragmentación dos seus ósos dificulta a súa identificación, dando lugar a un maior número de esquirlas indeterminadas en comparación con outras especies, como os osos das cavernas.

Pode que che interese...