Conxunto arqueolóxico de Santa Mariña de Maside / Santa Mariña de Maside

Novas escavacións en Santa Mariña de Maside para esclarecer máis de seis séculos de ocupación histórica

Tempo de lectura: < 1 min.

O conxunto arqueolóxico de Santa Mariña de Maside afrontará nos vindeiros meses unha nova campaña de escavacións e actuacións de conservación, tras a obtención de financiamento por parte da Xunta de Galicia. A administración autonómica destina arredor de 24.000 euros para unha intervención que permitirá continuar avanzando no coñecemento deste enclave patrimonial.

Os traballos estarán dirixidos polo arqueólogo Andrés Rodríguez Sobrino, quen coordinará unha actuación centrada en preto de 100 metros cadrados no interior do castro. O obxectivo principal é confirmar e analizar as estruturas pertencentes a un barrio xa identificado en campañas anteriores, co fin de profundar na súa interpretación histórica.

Segundo explicou o director da intervención, as análises realizadas mediante carbono 14 permitiron identificar restos que sitúan parte das estruturas entre os séculos VI e VII despois de Cristo. Estes datos súmanse a outros achados anteriores datados entre os séculos I a.C. e II d.C., o que evidencia unha ocupación prolongada do asentamento ao longo de máis de seiscentos anos. Neste sentido, Rodríguez Sobrino sinala que “o que queremos é saber se foi unha ocupación continuada ou se houbo interrupcións e posteriores reocupacións”, unha cuestión que guiará o desenvolvemento desta nova fase de escavación.

Paralelamente, o alcalde de Maside, José Manuel Iglesias, indicou que o Concello solicitou unha nova liña de financiamento a través do GDR Carballiño-Ribeiro. Esta petición está orientada a impulsar unha segunda intervención na muralla do castro, onde xa se iniciaron traballos no ano anterior. O obxectivo desta actuación complementaria pasa por reforzar a conservación do elemento defensivo e potenciar o seu valor como recurso turístico.

Pode que che interese...