fbpx
Reitoral de Barcia de Mera en 1921 / Arquivo

O conxunto parroquial de San Martiño de Barcia de Mera xa é Ben de Interese Cultural

Tempo de lectura: 2 min.

O Boletín Oficial do Estado publicou este xoves a declaración do conxunto parroquial de San Martiño de Barcia de Mera, no municipio de Covelo (Pontevedra), como Ben de Interese Cultural (BIC), unha figura de protección patrimonial que fora acordada pola Xunta de Galicia no mes de xullo de 2023.

O ámbito recoñecido abrangue un conxunto arquitectónico e territorial composto pola igrexa parroquial, a casa reitoral ou pazo abacial, as construcións anexas, así como os espazos asociados, entre eles o atrio e o iglesiario. Trátase dunha unidade patrimonial que combina funcións relixiosas e civís e que destaca pola súa coherencia formal e histórica.

A orixe deste enclave remóntase á Idade Media. Segundo recolle o BOE, San Martiño de Barcia de Mera foi propiedade do mosteiro cisterciense de Santa María de Melón desde, cando menos, o ano 1193, momento no que o rei Alfonso IX de León e Galicia lle concedeu a herdade realenga e os dereitos reais na freguesía. A partir de entón, o lugar converteuse nun dos principais centros do mosteiro no val alto do río Tea, articulando tamén outros territorios próximos.

A evolución histórica do conxunto explica a configuración actual dos edificios. O BOE sinala que o seu pasado medieval condicionou a relevancia das construcións levantadas en época moderna, que substituíron estruturas anteriores vinculadas ao mosteiro. Na actualidade, o conxunto presenta unha marcada identidade barroca, resultado da actividade construtiva desenvolvida entre os séculos XVII e XVIII.

A igrexa parroquial constitúe un exemplo representativo da arquitectura relixiosa rural influenciada polos talleres vinculados ao ámbito artístico compostelán. As súas formas responden aos modelos barrocos da época, adaptados ao contexto rural, cunha certa monumentalidade nas solucións construtivas e decorativas.

No interior, os bens mobles evidencian a diversidade das expresións da arte relixiosa e das devocións populares do período. Segundo o BOE, estas pezas reflicten distintas correntes estilísticas do barroco, polo que se subliña a necesidade da súa catalogación e conservación, dada a súa vinculación co inmoble.

Pola súa banda, a casa reitoral presenta características propias das construcións palacianas da Diocese de Tui. O edificio organízase arredor dun patio de planta cadrada, elemento central na distribución interna, e incorpora elementos singulares como unha cheminea de grandes dimensións e forma cilíndrica. A portada destaca pola súa ornamentación, coroada por un frontón partido co escudo do abade e rematada con pináculos e unha figura alegórica que lembra solucións arquitectónicas presentes en edificios composteláns como o pazo de Bendaña.

O recoñecemento como BIC baséase, segundo o BOE, na capacidade do conxunto para conservar os seus valores esenciais ao longo do tempo. O documento subliña que, malia as transformacións sufridas, estas “non desvirtúan a súa autenticidade, nin impiden apreciar as súas características relevantes e atributos”, o que garante a súa integridade patrimonial.

Pode que che interese...