fbpx
Arquivo - Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa / Xunta de Galicia

O Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa completa a súa superficie tras a compra das terras de Cristimil e A Torre

Tempo de lectura: 2 min.

A Xunta de Galicia vén de finalizar a adquisición de 15 hectáreas de terreo no ámbito do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, un proceso que supón o remate dos trámites iniciados en setembro de 2025 e que se resolve cun investimento próximo aos 242.000 euros. A operación materializouse mediante un procedemento de expropiación amigable acordado coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cristimil e A Torre, ata agora titular dos terreos.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, confirmou a finalización do expediente nun encontro co representante veciñal, Modesto Rodríguez. Durante a reunión, o responsable autonómico destacou que a resolución chega dentro do prazo comprometido, asegurando que “cumprimos coa palabra dada” en relación ao compromiso de pechar o proceso antes de rematar 2026.

Segundo explicou o conselleiro, o parque conta cunha superficie total de 20 hectáreas, das que a maior parte —as agora adquiridas— pertencían á comunidade de montes. Estes terreos inclúen espazos estratéxicos como o centro de interpretación do xacemento, situado no ámbito do castro.

A titularidade destes terreos fora obxecto de controversia nos últimos anos, xa que inicialmente foran cedidos polo concello á Xunta, pero posteriormente recoñecérase a propiedade á comunidade veciñal por vía xudicial. A adquisición agora formalizada supón, segundo a Administración autonómica, o peche definitivo desta situación.

Neste sentido, López Campos cualificou o acordo como unha “resolución histórica, froito do diálogo e consenso por un ben colectivo”, subliñando que o obxectivo da Xunta era garantir a xestión pública do espazo e avanzar no desenvolvemento do parque arqueolóxico.

Un dos xacementos máis relevantes da Idade do Ferro en Galicia

O ámbito adquirido inclúe o Castro de San Cibrao de Las, situado a uns 20 quilómetros de Ourense, nos concellos de San Amaro e Punxín. Este enclave foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en novembro de 2025, o que lle outorga o máximo nivel de protección patrimonial.

O xacemento destaca polo seu tamaño, estado de conservación e relevancia histórica e científica, sendo considerado un dos exemplos máis significativos da Idade do Ferro en Galicia. Segundo recolle o expediente de declaración, a súa estrutura mantense nun estado de conservación elevado, sen alteracións substanciais na súa morfoloxía ao longo dos séculos.

A importancia deste enclave levou á Xunta a escoller este espazo como sede do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, un proxecto orientado á divulgación e posta en valor do patrimonio castrexo. O complexo conta cun centro de interpretación e recibe máis de 10.000 visitantes ao ano, consolidándose como un dos principais referentes turísticos e culturais vinculados á arqueoloxía galega.

Pode que che interese...