O Porto de Ferrol impulsa unha intervención para recuperar o patrimonio oculto na batería de Cariño

Tempo de lectura: 2 min.

O Porto de Ferrol vén de licitar un proxecto de intervención na contorna da batería baixa de Cariño, cun orzamento total de 96.500 euros, co obxectivo de mellorar o estado das infraestruturas e, ao mesmo tempo, protexer os bens patrimoniais presentes na zona, actualmente ocultos pola vexetación.

A actuación abrangue un espazo situado nas inmediacións do porto exterior, onde se conservan restos dunha antiga fortificación defensiva, así como outros elementos de interese que se remontan á época romana e a períodos anteriores. Segundo recolle a documentación técnica, a acumulación de maleza podería estar a afectar negativamente a estes vestixios, polo que se considera necesaria unha intervención inmediata.

O proxecto contempla a retirada e substitución da pasarela de madeira que discorre paralela ao areal, instalada hai aproximadamente quince anos no marco das obras de urbanización e canalización de augas pluviais asociadas á construción do porto exterior. Esta infraestrutura, que foi creada para garantir a seguridade peonil e limitar o acceso a zonas sensibles, presenta na actualidade un notable deterioro, que obrigou a realizar diversas reparacións nos últimos anos.

En concreto, está prevista a substitución de 145 metros de varandilla e a renovación de 125 metros cadrados de pasarela, mantendo unhas características similares ás actuais. A intervención responde á necesidade de mellorar a seguridade e a integración paisaxística do espazo, ao tempo que se facilita o acceso controlado á contorna.

Paralelamente, levaranse a cabo tarefas de limpeza e desbroce na cara leste da batería, cunha superficie próxima aos 2.500 metros cadrados. Estes traballos incluirán tamén a tala de dez árbores, co fin de eliminar a vexetación que invade o xacemento e que, segundo se sinala na memoria do proxecto, podería estar a contribuír á súa degradación.

Os antecedentes desta actuación remóntanse ás obras iniciais na zona, cando se detectaron problemas de inestabilidade nos noiros do areal. Naquel momento, tras a autorización da Demarcación de Costas, executáronse actuacións de consolidación, incluíndo a rampla de acceso á praia. Foi entón cando se decidiu incorporar a pasarela peonil como elemento de seguridade e ordenación do espazo.

Agora, a nova intervención busca non só renovar estas infraestruturas, senón tamén poñer en valor o patrimonio histórico presente no enclave, facilitando a súa conservación e visibilidade.

O prazo de execución dos traballos está fixado en dous meses desde a sinatura do contrato, mentres que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o día 22.

Pode que che interese...