Os “escalatorres”: espectáculo, risco e publicidade na Galicia do século XX
Houbo un tempo en que subir ás torres das catedrais ou ás fachadas dos edificios máis emblemáticos non era só unha temeridade, senón tamén un oficio, un espectáculo e mesmo unha estratexia publicitaria. A novela gráfica Bestiario das alturas, de Inacio Vilariño e Iván Suárez e coeditada pola editorial Alvarellos e o Consorcio de Santiago, recupera esa memoria esquecida a través dunha combinación de investigación histórica e recreación narrativa.
A obra afonda nun fenómeno pouco coñecido: o dos “escalatorres”, persoas que, antes da Guerra Civil, ascendían sen protección a grandes alturas diante do público. Segundo explica Vilariño, o interese polo tema xurdiu de maneira progresiva, a partir da fascinación por estas figuras singulares, “xente que vivía de facer escalada de fachada”, e tamén do contacto con relatos e episodios concretos vinculados a lugares emblemáticos.
Ante a ausencia de estudos específicos, a investigación baseouse fundamentalmente na hemeroteca. “Non hai ningún libro sobre os escalatorres”, sinala o autor, polo que o traballo consistiu en reconstruír as súas traxectorias a partir de noticias dispersas. Nese proceso foi atopando conexións entre distintos personaxes e, especialmente, a figura de Barquerito, que acabou funcionando como fío condutor da obra e como exemplo da evolución desta actividade.
Lonxe da imaxe simplificada de persoas que asumían riscos sen sentido, os primeiros escalatorres presentábanse como especialistas en traballos en altura. Figuras como os Puertollano ofrecían os seus servizos como albaneis capaces de realizar intervencións complexas sen necesidade de grandes estruturas auxiliares. Porén, esta actividade acabou transformándose nun espectáculo público e, sobre todo, nun recurso publicitario.

Puertollano no alto da Catedral de Santiago / Alvarellos Editora

Alfonso XIII e Antonio Maura ollando pasmados a Puertollano subido aos tellados da Catedral / Alvarellos Editora
Un dos momentos clave produciuse en Portugal, cando unha destas ascensións foi empregada para promocionar unha marca de galletas, convertendo a acción nun evento planificado con fins comerciais. A partir de aí, os escalatorres pasaron a formar parte de campañas publicitarias, con actuacións anunciadas e financiadas por empresas, capaces de atraer grandes cantidades de público e xerar impacto mediático.
Este fenómeno viviu o seu auxe nas décadas de 1920 e 1930, cando os escaladores percorrían diferentes cidades e actuaban en espazos emblemáticos como catedrais e torres. Co tempo, produciuse unha certa saturación do público e unha escalada na dificultade dos números, xa que os propios artistas buscaban sorprender cun maior nivel de risco. Chegáronse a realizar ascensións cos ollos vendados ou en condicións cada vez máis extremas, o que tamén derivou en accidentes e nun aumento da percepción do perigo.
O estalido da Guerra Civil supuxo un punto de inflexión. Nun contexto marcado polo conflito, estas prácticas perderon sentido e desapareceron progresivamente. Moitos destes personaxes quedaron no anonimato, mentres outros tiveron finais pouco documentados. Ademais, en determinados momentos, estas actividades comezaron a ser vistas con desconfianza, chegando incluso a xerar sospeitas de espionaxe.
Esta banda deseñada introduce tamén unha dimensión literaria ao situar un encontro entre Álvaro Cunqueiro e o Barquerito, no que se mesturan historias documentadas con outras máis próximas á ficción. Vilariño lembra que o propio Cunqueiro xogaba con esa ambigüidade, combinando fontes reais e inventadas, o que permite construír un relato no que conviven a memoria histórica e a imaxinación. No plano visual, a obra resolve a representación das ascensións mediante planos secuencia sobre as fachadas, mostrando a progresión do escalador ao longo dunha páxina completa. Este recurso conecta coas técnicas gráficas da época, como as fotomontaxes, e permite transmitir a sensación de altura, movemento e vertixe.
Xunto aos personaxes documentados, o libro incorpora tamén figuras singulares como a de Arsens Blondin, un funambulista que afirmaba ser herdeiro do célebre equilibrista do Niágara. A súa presenza serve para ampliar o relato e introducir unha reflexión sobre o espectáculo, a identidade e o desafío ao medo.
En conxunto, Bestiario das alturas recupera unha parte pouco coñecida da historia cultural galega, na que se cruzan o risco, o espectáculo e a publicidade, devolvendo protagonismo a uns personaxes que durante décadas formaron parte do imaxinario colectivo e que hoxe permanecían practicamente esquecidos.

