fbpx
Hórreo de madeira e muro tradicional no Camiño de Santiago / foto Herbymep CC0

Os hórreos do norte peninsular acadan o recoñecemento como patrimonio cultural inmaterial

Tempo de lectura: < 1 min.

Os hórreos de Galicia e doutros territorios do norte peninsular contan desde este martes, 7 de abril, cun novo recoñecemento institucional tras a aprobación, por parte do Consello de Ministros, da súa declaración como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial. A medida abrangue tamén estas construcións tradicionais en Asturias, León, Cantabria e País Vasco.

A decisión pon o foco non só no valor material destas edificacións, senón especialmente na súa dimensión simbólica e social. Segundo recolle o acordo, os hórreos son considerados “vehículos de transmisión e expresión simbólica de identidade”, ao tempo que funcionan como “marcadores culturais e expresións de identidade colectiva” vinculados a prácticas sociais e coñecementos herdados ao longo do tempo.

O recoñecemento, que se fará efectivo tras a súa publicación no Boletín Oficial do Estado, busca integrar de maneira explícita esta dimensión inmaterial nos procesos de protección patrimonial. Así, preténdese reforzar tarefas como a identificación, documentación, estudo e difusión destes elementos, co obxectivo de garantir a súa conservación e transmisión ás futuras xeracións.

Desde o Ministerio de Cultura sublíñase que os valores asociados aos hórreos constitúen un capital cultural ligado ás comunidades que os empregaron e mantiveron, contribuíndo á cohesión social e ao reforzo das identidades locais e rexionais. Neste sentido, incídese en que a continuidade destes significados depende da relación viva entre as persoas e o propio ben, nun proceso dinámico de reinterpretación ao longo do tempo.

A declaración chega despois dun anuncio previo realizado o pasado 31 de marzo, que fora cualificado como erróneo, e consolida agora unha protección que recoñece os hórreos non só como arquitectura tradicional, senón tamén como expresión viva da memoria colectiva e dos saberes populares.

Pode que che interese...