Parte do tellado da igrexa de ‘Santa María de Carboeiro’ esborrállase sen causar danos persoais
O derrube dunha parte do tellado da igrexa románica de Santa María de Carboeiro, no concello de Silleda, produciuse na mañá do pasado sábado sen causar danos persoais, ao non haber persoas no interior do templo nese momento.
Segundo explicou a alcaldesa, Paula Fernández, os feitos tiveron lugar a primeira hora da mañá, cando unha veciña advertiu unha anomalía na cuberta e deu aviso. A continuación confirmouse o colapso dunha das vigas da cumbreira, situada xusto sobre a zona de culto.
A rexedora indicou que o derrube afectou á estrutura do tellado, aínda que outras áreas relevantes do interior, como o presbiterio, o altar e o coro, non sufriron danos. Ademais, precisou que ese día non había actividade relixiosa programada, xa que as misas se celebran cada quince días en sábado e non coincidía coa quenda, o que evitou a presenza de fieis.
En relación cos bens patrimoniais, Fernández sinalou que as pezas de maior valor, incluídas as imaxes, non resultaron afectadas e foron retiradas de maneira preventiva a outro espazo.
Tras unha primeira avaliación técnica, está previsto que este luns se leven a cabo actuacións de urxencia, entre elas a retirada dos elementos que quedaron colgando mediante un elevador e a colocación de solucións provisionais para protexer o interior do templo. Estas medidas permitirán asegurar a estrutura mentres se avanza na redacción do proxecto de reconstrución e se concreta a dispoñibilidade económica por parte do bispado para acometer as obras.

