Tui impulsa a recuperación do Baluarte dos Demos con 230.000 euros e aval de Patrimonio
O Concello de Tui deu un novo paso na recuperación dun dos elementos máis significativos do seu sistema defensivo histórico coa obtención do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para rehabilitar o Baluarte do Ángulo dos Demos, situado xunto ao Paseo Fluvial do Miño. A actuación permitirá avanzar na conservación e posta en valor desta estrutura do século XVII, integrada no complexo amurallado dunha cidade marcada durante séculos pola súa condición de enclave fronteirizo.
O proxecto contará cun investimento de 230.000 euros, dos que o 75 % procederá de fondos europeos a través do programa FARPAX (Fortalezas Amuralladas da Raia), mentres que o 25 % restante será asumido con recursos municipais. Esta intervención sitúase dentro da estratexia do goberno local para captar financiamento externo e reforzar a protección do patrimonio tudense.
O Baluarte do Ángulo dos Demos constitúe unha peza esencial para comprender a evolución militar e urbana de Tui na Idade Moderna. Conserva partes relevantes da súa estrutura orixinal, incluídos os arranques desde a falsa braga, os primeiros sillares da base e boa parte dos lenzos, o que permite identificar con claridade a súa configuración defensiva inicial. A súa relevancia histórica tamén se reflicte na documentación antiga: aparece citado por primeira vez en 1733 nun plano do enxeñeiro Juan de Laferriere como “Ángulo del Diablo”, mentres que en 1788 o tudense Pedro Santos xa o denominaba “dos Demos” ao describir o seu estado de deterioración.
A actuación prevista combinará consolidación estrutural, estabilización e reconstrución parcial, sempre baixo criterios de respecto patrimonial. Empregaranse materiais compatibles coa fábrica histórica e técnicas orientadas á conservación dos valores orixinais, ao tempo que se retirarán engadidos posteriores considerados alleos á estrutura, como muretes de ladrillo e pedra con risco de desprendemento.
O proceso incluirá tamén unha intervención arqueolóxica en dúas fases. Nun primeiro momento realizaranse sondaxes para coñecer con maior profundidade o estado e características do baluarte, paso previo á avaliación definitiva por parte de Patrimonio. Posteriormente desenvolverase o control e seguimento arqueolóxico durante a execución das obras.
A autorización autonómica establece ademais condicións específicas para garantir a protección do conxunto, como a diferenciación visual entre os elementos orixinais e os de nova incorporación, así como a documentación exhaustiva de todo o proceso de restauración.
Tras asegurar o financiamento e superar o trámite patrimonial, o Concello prevé iniciar agora a licitación das obras, respondendo así a unha reivindicación histórica sobre a conservación das murallas tudenses. Este impulso coincide ademais coa inclusión do Baluarte do Ángulo dos Demos no II Catálogo de actuacións no Patrimonio da Obra Públicaelaborado polo Colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos, presentado este mes de abril, onde figura como intervención prioritaria polo seu valor histórico e estado de conservación.

