Un documental revive a Revolución Galega de 1846 no seu 180 aniversario
A Fundación Galiza Sempre promove a estrea do documental ‘1846. Revolución Galega’, unha produción dirixida por César Caramés que pretende achegar ao público un dos episodios históricos do século XIX en Galicia. A presentación terá lugar este domingo 26 de abril no Teatro Principal de Santiago de Compostela, ás 18:00 horas, nunha sesión aberta ata completar aforo.
A data escollida coincide co aniversario dos fusilamentos de Carral, acontecidos no marco da Revolución Galega de 1846, tamén coñecida como levantamento de Solís. A iniciativa inscríbese na conmemoración dos 180 anos deste episodio, que a entidade impulsora considera insuficientemente presente na memoria colectiva.
O documental aposta por unha combinación de animación tradicional para as recreacións históricas e un traballo de investigación que incorpora testemuños de especialistas en historia, co obxectivo de contextualizar os feitos e ofrecer unha visión divulgativa e accesible.
Tras a estrea en Santiago, a obra iniciará un percorrido por diferentes localidades galegas. Está prevista a súa proxección en Ferrol o 30 de abril, en Ourense o 7 de maio, en Pontevedra o día 13 e en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) o 14. A programación continuará en Nigrán o 28 de maio, en Outeiro de Rei o 30 —na Casa-Museo Manuel María— e rematará en Lugo o 1 de xuño.
A través desta iniciativa, a Fundación Galiza Sempre busca contribuír á divulgación histórica e fomentar o coñecemento dun acontecemento que marcou o século XIX galego, empregando o formato audiovisual como ferramenta para chegar a novos públicos.

