fbpx
Nave de San Lesmes / Arquivo

Unha carabela galega que puido cambiar a historia de Nova Zelandia: o misterio revive en Ferrol

Tempo de lectura: < 1 min.

O Museo de la Construcción Naval acollerá este xoves 9 de abril unha xornada divulgativa centrada na historia da carabela San Lesmes, unha embarcación do século XVI cuxo destino continúa xerando interrogantes entre historiadores e investigadores. A actividade, organizada pola Asociación de Ingenieros Navales de España, terá lugar na sala Carlos III a partir das 19.00 horas e estará aberta ao público xeral.

O evento xirará arredor do libro La carabela San Lesmes: el viaje más épico de la historia, obra do profesor coruñés Luis Gorrochategui, quen será o encargado de expoñer os principais resultados da súa investigación. O autor abordará a desaparición da nave en 1526, tras partir un ano antes do porto da Coruña como parte da expedición expedición Loísa-Elcano, que tiña como destino o océano Pacífico.

Segundo as hipóteses que se analizarán durante a xornada, a tripulación da San Lesmes podería ter sobrevivido ao seu naufraxio e establecido unha colonia nas illas Tuamotu. Desde ese asentamento, terían realizado novas viaxes que incluso poderían ter alcanzado Nova Zelandia décadas antes da chegada do navegante neerlandés Abel Janszoon Tasman en 1642. Estas teorías, que comezaron a circular a partir de 1929, cuestionan a cronoloxía tradicional dos descubrimentos europeos no Pacífico.

A xornada tamén se enmarca na actividade regular do museo, que vén de actualizar o seu horario de tempada baixa. O centro abrirá de martes a venres en horario de mañá e tarde, os sábados en horario continuo e os domingos pola mañá. Ademais, reabriu recentemente a Sala de Fundición, que incorpora un novo forno cedido polo Arsenal, ampliando así a súa oferta expositiva.

Pode que che interese...