Pintura de dona Urraca

Urraca, a raíña galega que desafía a historiografía española e as narrativas tradicionais

Tempo de lectura: 2 min.

A figura de Urraca de Galicia, León e Castela (1109 – 1126) situouse no centro do debate historiográfico no marco da xornada “Liderado feminino na Idade Media: os diálogos de Urraca”, celebrada este martes no Consello da Cultura Galega, cadrando co noveno centenario da morte da raíña. No encontro reuníronse especialistas internacionais que sinalaron a necesidade de revisar o papel das mulleres no poder durante a Idade Media nas narrativas tradicionais.

A profesora Nora Berend, da University of Cambridge, advertiu que “as fontes narrativas borraron sistematicamente os perfís e as figuras das mulleres”. Apoiando esta afirmación, Simon Doubleday, un dos coordinadores da xornada, subliñou a falta de fiabilidade dos textos escritos como fontes históricas debido, segundo explicou, a unha forte carga de misoxinia que pode distorsionar a percepción do pasado.

Neste sentido, Urraca emerxe como un exemplo paradigmático. O seu reinado é mostra da capacidade das mulleres antigas para exercer o poder de maneira autónoma, malia as adversidades propias da súa época. A investigadora Diana Pelaz incidiou na importancia da súa figura para redescubrir outras mulleres que quedaron agochadas pola historia.

Principio de autoridade

A análise da representación visual da raíña Urraca tamén aporta información sobre o seu estatus. A profesora Therese Martin, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), amosou documentos nos que se presenta á raíña coa coroa, cetro e trono, atributos propios da realeza que afirman a súa autoridade.

Por outro lado, púxose de manifesto as desigualdades na representación das mulleres na memoria histórica. Exemplificouse destacando as diferenzas entre o busto dedicado a Urraca en León e o monumento do seu succesor, Afonso IX de León, a maior escala e cunha placa na que se recoñecen un listado dos seus méritos.

Este encontro abriu o debate para revisar a inclusión das mulleres nos relatos históricos tradicionais dende unha posición protagonista. Os investigadores coincidiron na relevancia de resaltar a memoria de figuras como Urraca para ampliar a visión do pasado e comprender as dinámicas de poder que marcaron a historia europea, máis aló do que foi transmitido polas fontes convencionais.

Pode que che interese...