Recreación en realidade virtual da Expo de 1909 / Cedida

A Alameda compostelá do 1908: unha investigadora da USC rescata en 3D a Expo Rexional Galega

Tempo de lectura: 3 min.

A Exposición Rexional Galega de 1909, un dos maiores acontecementos da historia contemporánea de Santiago e un dos episodios que contribuíu a redefinir a imaxe de Galicia no inicio do século XX, podería recuperar parte da súa presenza perdida a través das tecnoloxías dixitais. Este é o obxectivo da investigadora Ana Vega, que, dende o ámbito do Patrimonio Cultural Dixital, traballa nun proxecto orientado á reconstrución virtual do recinto expositivo levantado na Alameda, San Clemente e os terreos do actual Campus Sur, co horizonte posto no 125 aniversario da mostra, en 2034.

A proposta nace como evolución da súa propia liña de investigación. Tras centrar o seu Traballo de Fin de Grao na sección arqueolóxica da exposición, Vega decidiu ampliar o foco durante o seu actual máster para abordar unha nova dimensión: a recuperación espacial e visual dun evento desaparecido fisicamente, pero decisivo na configuración da cidade e do país. “Busco rescatar do descoñecemento do gran público este fito histórico”, explica. Para a investigadora, a mostra compostelá foi moito máis ca unha exposición efémera: “Definiu a historia de Santiago, a historia de Galicia e en gran medida a modernidade”.

A Exposición Rexional de 1909 coincidiu co primeiro Ano Santo do século XX e converteu Compostela nun centro de atracción internacional. Máis de 50.000 visitantes —o dobre da poboación da cidade na época— percorreron os seus pavillóns, impulsando transformacións económicas, urbanísticas e simbólicas. A cidade medieval abriu a súa mirada cara a novas formas de progreso industrial, comercial e turístico. Para Ana Vega, aquel episodio supuxo “o espertar á modernidade en Santiago”, un momento no que Compostela comezou a proxectarse como espazo contemporáneo.

O proxecto pretende ir máis alá da investigación documental tradicional e converter o pasado nunha experiencia accesible para o presente. A idea é reconstruír dixitalmente os principais espazos e arquitecturas da exposición mediante modelado 3D, realidade virtual e realidade aumentada, permitindo ao público percorrer de novo unha cidade desaparecida.

A inspiración chegou, segundo relata, a partir doutras experiencias de musealización virtual xa desenvolvidas en Galicia. O modelo que imaxina inclúe tanto instalacións físicas con gafas inmersivas como experiencias abertas na propia cidade, a través de dispositivos móbiles. “A idea sería poder estar na Alameda, enfocar co móbil e ver reaparecer os pavillóns da exposición sobre o espazo actual”, sinala. Isto permitiría combinar o territorio físico contemporáneo coa paisaxe histórica de 1909 sen necesidade de aplicacións complexas, a través dunha web accesible.

Plano da Expo de 1909 / Cedida

Recuperar unha arquitectura desaparecida

Entre os grandes desafíos está a restitución das arquitecturas efémeras que marcaron a identidade visual da exposición. O proxecto sitúa no centro algunhas das construcións máis emblemáticas, como o Pabillón Central, deseñado en forma de T e concebido como eixo principal do recinto; a reprodución do Centro Galego da Habana, símbolo do poder económico da emigración; ou o Pabillón de Recreo Artístico e Industrial, obra de Antonio Palacios, único gran vestixio arquitectónico conservado, hoxe transformado na Escola Infantil de Santa Susana.

Vega considera especialmente relevante o papel de Palacios, ao que vincula cunha formulación monumental e moderna da identidade galega. A súa intervención na exposición, apunta, contribuíu a consolidalo como unha figura capaz de traducir “a identidade galega na linguaxe modernista” do momento.

Lonxe de partir dun baleiro documental, a investigadora subliña que existe abundante material para acometer a reconstrución, aínda que moi disperso. A investigación bebe de planos, alzados, fotografías históricas, prensa da época e fondos documentais conservados en institucións como o Museo do Pobo Galego, Galiciana, o Arquivo de Galicia, a Real Sociedade Económica de Amigos do País ou incluso arquivos estatais e coleccións persoais.

Hai bastante material, pero está moi disperso”, explica. Esa dispersión obriga a un labor de recompilación transversal, rastrexando documentación en múltiples fondos para recompoñer unha visión completa da exposición. A investigadora non descarta que novas descubertas documentais poidan seguir ampliando o coñecemento sobre determinados espazos ou elementos.

O 125 aniversario aparece como unha data clave para transformar esta investigación académica nun proxecto institucional de cidade. A intención de Vega é que, nos próximos anos, esta iniciativa poida evolucionar cara a unha proposta real de divulgación patrimonial, integrable en museos, espazos públicos ou plataformas educativas.

Nun contexto no que Galicia xa experimentou con reconstrucións dixitais doutros espazos desaparecidos —como Castromil ou Portomarín—, a Expo de 1909 preséntase como un campo especialmente fértil pola súa capacidade para conectar patrimonio, memoria urbana e identidade contemporánea.

Pode que che interese...