A Galicia castrexa sae a poxa: dous torques e un brazalete de ouro partirán de 195.000 euros en Ansorena
A ourivaría castrexa, unha das expresións materiais máis recoñecibles da cultura da Idade do Ferro no noroeste peninsular, volverá ocupar o foco internacional este mes coa saída a poxa en Madrid dun conxunto excepcional de pezas de ouro vinculadas á tradición galaica. A casa Ansorena incluirá nas súas sesións dos días 12, 13 e 14 de maio un lote formado por un brazalete laminar de ouro e dous torques, considerados estas últimas as xoias máis emblemáticas do universo castrexo.
As pezas, pertencentes a unha colección privada galega, parten cun prezo inicial de 195.000 euros, unha cifra que evidencia tanto o seu valor económico como a dimensión histórica, artística e arqueolóxica deste tipo de obxectos. Os dous torques están datados entre os séculos III e I antes de Cristo e responden a formas características da ourivaría prerromana galaica: realizados en ouro, con aristas definidas e remates en dobre escocia, representan unha tipoloxía asociada ás elites sociais da antiga Gallaecia.
Máis información en La Región

