Santa Eulalia de Bóveda / Xunta de Galicia

A Galicia que se ergueu tras Roma: o tempo en que o noroeste viviu unha eclosión cultural e encheu o territorio das primeiras igrexas

Tempo de lectura: 4 min.

Cando se fala da historia antiga de Galicia, o relato público adoita deterse nos castros ou na romanización. Porén, entre o final político do Imperio Romano e os primeiros séculos medievais desenvolveuse no antigo territorio da Gallaecia unha etapa de transformación profunda que, segundo explica o arqueólogo José Carlos Sánchez Pardo, resulta fundamental para comprender non só a expansión do cristianismo, senón tamén a configuración social, política e territorial de boa parte da Galicia posterior.

Ese período, coñecido como Antigüidade Tardía —aproximadamente entre os séculos IV e VIII— foi durante moito tempo interpretado como unha fase de decadencia. Porén, a investigación arqueolóxica das últimas décadas ofrece unha visión distinta: a dunha rexión periférica en termos xeográficos, pero inserida en dinámicas culturais e comerciais de grande alcance, capaz de vivir unha etapa de notable dinamismo.

Galicia, a pesar de ser unha rexión periférica, vive un momento de moitísimo esplendor”, resume Sánchez Pardo, que sinala a existencia dun contexto no que conflúen fenómenos de enorme relevancia: a consolidación do Reino Suevo, considerado o primeiro reino posromano de Europa occidental; a circulación de ideas e produtos desde o Mediterráneo; e unha expansión progresiva do cristianismo que deixou unha pegada material decisiva.

Un dos principais erros, segundo o investigador, é interpretar estas primeiras igrexas desde a lóxica parroquial posterior. Nos séculos IV e V, moitos destes edificios non naceron para funcionar como parroquias no sentido medieval ou moderno, senón como espazos vinculados á representación social, á lexitimación política e á exhibición de prestixio por parte das elites.

As primeiras fundacións eclesiásticas, tanto en medios urbanos como rurais, estaban promovidas por grupos con capacidade económica e vontade de proxectar unha nova identidade relixiosa e política. Eran, en boa medida, manifestacións monumentais de poder.

Así, estas construcións permitían visibilizar a adhesión ao cristianismo, reforzar posicións sociais e introducir novas referencias simbólicas no territorio. A igrexa convertíase nun elemento de centralidade, pero non necesariamente nunha parroquia estruturada como as que se consolidarían moito máis tarde.

Co paso dos séculos, especialmente entre a Alta Idade Media e os séculos centrais do medievo, esa realidade foi evolucionando. Pequenos templos comezaron a espallarse polo rural, xerando espazos de referencia para comunidades dispersas, articulando áreas de hábitat e organizando progresivamente lugares de enterramento.

Sánchez Pardo insiste en que o concepto de parroquia como tal non pode aplicarse automaticamente a estes momentos iniciais. Máis ben fala dun proceso de formación de “protoparroquias”, núcleos de articulación territorial que acabarían influíndo na paisaxe histórica galega durante séculos.

Ao redor destes templos apareceron cemiterios, espazos comunitarios e referencias simbólicas que contribuíron a estruturar o territorio. En moitos casos, esa transformación do espazo rural iniciada entre a Antigüidade Tardía e a Alta Idade Media segue sendo perceptible na distribución histórica do poboamento galego.

Como identificar unha igrexa tardoantiga?

A nivel arqueolóxico, distinguir estas primeiras igrexas non sempre resulta sinxelo. O propio Sánchez Pardo recoñece que a investigación avanzou e que algunhas cronoloxías tradicionalmente atribuídas á Antigüidade Tardía deben ser revisadas, pois certos edificios poderían ser posteriores.

Con todo, existen unha serie de indicios materiais que permiten aproximarse á súa identificación: arquitecturas de maior entidade e investimento que moitas construcións posteriores; ábsidas semicirculares, frecuentes en determinados contextos; elementos de mobiliario litúrxico, como capiteis, relevos ou pezas escultóricas, e materiais marmóreos e decoración de alta calidade, en ocasións reutilizados en fases posteriores.

En Galicia, exemplos como relevos de Valdeorras, Amiadoso ou pezas reaproveitadas noutras igrexas ofrecen pistas sobre un patrimonio que ás veces sobrevive fragmentariamente, inserido en edificios reformados ao longo de séculos.

Entre a modestia arquitectónica e o excepcional

Comparada con outras rexións do Mediterráneo ou do sur peninsular, Galicia non adoita presentar edificios tan monumentais como os da Bética, Italia ou o Levante. Mais iso non significa ausencia de relevancia.

Pola contra, o territorio galego combina arquitecturas máis modestas con pezas de carácter excepcional no contexto europeo.

O caso máis coñecido é o Crismón de Quiroga, unha das obras máis singulares da arte paleocristiá peninsular, posiblemente vinculada a unha mesa de altar do século V, cuxa calidade e singularidade o converten nunha referencia internacional.

Outro exemplo fundamental é Santa Eulalia de Bóveda, un dos monumentos máis complexos e debatidos da arqueoloxía galega. A súa estrutura, as relacións coa auga, a arquitectura parcialmente subterránea e as pinturas murais —datadas posteriormente— fan deste edificio unha peza sen equivalentes simples, capaz de condensar debates sobre continuidade romana, transformación relixiosa e singularidade local.

Para Sánchez Pardo, o principal problema non é necesariamente a inexistencia de patrimonio, senón a súa escasa difusión social. Galicia posúe unha densidade notable de arquitectura anterior ao románico, con múltiples exemplos altomedievais e tardoantigos, pero moitos permanecen fóra dos grandes relatos públicos.

Mentres Asturias converteu o prerrománico nun eixo central da súa identidade patrimonial, Galicia segue asociando a súa divulgación arqueolóxica sobre todo ao mundo castrexo ou ao románico posterior.

Isto provoca que moitas igrexas, xacementos ou restos arquitectónicos pasen desapercibidos, malia o seu valor para comprender a transición entre o mundo romano e medieval.

Conservar, reconstruír e divulgar

O estado de conservación é desigual. Algúns edificios, como Santa Comba de Bande ou San Miguel de Celanova, manteñen unha presenza patrimonial consolidada, mentres outros xacementos son menos comprensibles para o público debido ás reformas, ruínas ou falta de contextualización.

Neste escenario, Sánchez Pardo defende aproveitar ferramentas como a reconstrución virtual, a realidade aumentada ou novos modelos de difusión para facer máis accesible este patrimonio e explicar mellor o seu significado.

Porque detrás destas igrexas non hai só pedra antiga: hai a historia dun momento no que Galicia deixou de ser simplemente unha provincia romana periférica para converterse nun espazo de creación política, relixiosa e cultural propio.

Pode que che interese...