Carteis nas rúas de Santiago buscan reconstruír a memoria esquecida das vivendas para funcionarios do franquismo
Uns carteis colocados nas últimas semanas en distintos puntos de Santiago de Compostela convertéronse no punto de partida dun proxecto que busca recuperar unha parte pouco estudada da historia urbana e social da cidade. As mensaxes, visibles nas avenidas de Salamanca e Xoán XXIII ou na rúa Montero Ríos, convidan a quen viviu ou coñece a realidade destes espazos a compartir recordos sobre a vida nos antigos bloques de vivendas destinados a funcionarios durante as últimas décadas do franquismo.
Detrás desta iniciativa está Xurxo Antelo, investigador do Departamento de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e integrante de Histagra —Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural da USC—. O traballo forma parte dun proxecto persoal vinculado a unha bolsa da Deputación da Coruña e pretende reconstruír a evolución destas promocións de vivenda social, así como a experiencia cotiá das persoas que as habitaron.
A investigación toma como punto de partida tres promocións construídas en Santiago a finais dos anos sesenta e comezos dos setenta. Entre elas figura a Cooperativa Viviendas de Aviación Civil, levantada en 1970 e formada por trinta vivendas distribuídas en varios bloques situados nas avenidas de Salamanca, Coímbra e Xoán XXIII. Tamén se inclúe un inmoble do Patronato de Casas para Funcionarios do Ministerio de Agricultura, construído en 1971 na avenida de Salamanca e composto por seis vivendas. A terceira actuación analizada corresponde a un edificio impulsado polo Patronato municipal de Vivendas para funcionarios, edificado en 1969 nas rúas Rapa da Folla e Montero Ríos.
Máis información en La Voz de Galicia

