Cartel da exposición / Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova

Celanova recupera a memoria das mulleres represaliadas polo franquismo nunha nova exposición

Tempo de lectura: 2 min.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova inaugurará o próximo 28 de xuño no Auditorio Municipal Ilduara a exposición ‘Presas e Mestras. A represión sobre as mulleres na comarca de Celanova’, unha mostra centrada na recuperación da memoria de mulleres represaliadas durante o franquismo. A exposición poderá visitarse ata o 17 de xullo antes de iniciar un percorrido itinerante por distintos concellos da comarca.

A iniciativa pon o foco sobre dúas realidades da represión exercida tras o golpe de Estado de 1936: por unha banda, as máis de 50 mestras con escola na comarca de Celanova que foron sometidas a expedientes disciplinares polos militares sublevados; e, pola outra, as máis de 130 mulleres da provincia de Ourense que estiveron presas en Celanova entre os anos 1936 e 1950.

A través de documentación, fotografías, arquivos familiares e testemuños, a exposición reconstrúe historias persoais que permaneceron esquecidas durante décadas. O proxecto pretende dar visibilidade ás consecuencias que a ditadura tivo sobre numerosas mulleres vinculadas ao ensino, así como sobre outras que sufriron prisión e persecución política na comarca.

A mostra é froito dun traballo de investigación e recuperación documental coordinado pola comisaria Rosa Cid Galante, mentres que o deseño gráfico e a maquetación foron realizados por Adriana Pérez, autora tamén do cartel da exposición.

Desde o Comité destacan tamén a colaboración de varias familias que facilitaron acceso a arquivos e materiais privados conservados ao longo de xeracións. Entre elas figuran as familias González Franco, Gómez Del Valle, Torres Díaz, González Álvarez, Durán Alonso, Quintas Gómez, Quintas Martínez e Rodríguez Meiriño.

O proxecto incorpora ademais testemuños orais de persoas vinculadas ás protagonistas da exposición, entre elas Paz Gómez-Del Valle Ochoa, María Gómez-Del Valle Ochoa, María Antonia Rodríguez Pérez, Ana Quintas Martínez, María Ángeles Pérez, Alejandro Rodríguez e Laura Fernández Iglesias. O Comité expresou tamén o seu agradecemento pola colaboración de Aurora Marco, Domingo Rodríguez Teijeiro e José Luis Bacelar Fernández.

Tras a súa estadía en Celanova, a exposición continuará o seu percorrido por A Bola, durante o mes de xullo, e por Verea en agosto, aínda con datas pendentes de concretar. A organización prevé ademais que a mostra regrese posteriormente a Celanova para ser exhibida nos centros de ensino da vila antes de continuar itinerando por outros municipios da comarca.

Pode que che interese...