Da Catedral de Lugo ao Courel: a Deputación impulsa novas visitas guiadas para reivindicar o románico lucense
A provincia de Lugo volverá situar o seu patrimonio medieval no centro da programación cultural coa celebración das VI Xornadas de visitas guiadas ao románico lucense, unha iniciativa promovida pola Deputación de Lugo arredor do Día da Transrománica, que se conmemora o 9 de maio. O programa desenvolverase entre os días 8 e 23 de maio cun amplo calendario de itinerarios por diferentes comarcas lucenses para achegar á cidadanía a riqueza arquitectónica, histórica e paisaxística dun dos conxuntos románicos máis destacados de Galicia.
Baixo o título ‘Rutas polo Románico da provincia de Lugo’, esta edición propón percorridos guiados por espazos monumentais, vilas medievais, mosteiros e igrexas rurais, abranguendo desde a cidade de Lugo ata a Ribeira Sacra, A Ulloa, O Courel, A Mariña ou o Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia.
A programación abrirase o venres 8 de maio cunha visita á Catedral de Lugo e á cidade medieval, unha proposta centrada no corazón histórico lucense e no seu papel como referente patrimonial.
O sábado 9 de maio, coincidindo coa xornada central da Transrománica, concentrará varias rutas simultáneas. Entre elas figuran percorridos polas Terras da Ulloa con visitas en Antas de Ulla, Palas de Rei e Monterroso; unha ruta polos tesouros do románico rural en Lugo e Guntín; e outra proposta no Saviñao, combinando patrimonio románico e paisaxe sobre o Miño.
O programa continuará o domingo 10 de maio con novos itinerarios dedicados a Santa María de Meira, ao románico vinculado ao Camiño de Santiago en Portomarín, Paradela e Sarria, así como unha visita a Viveiro centrada na súa dimensión de vila medieval e no románico urbano.
A segunda metade do mes amplía aínda máis o mapa territorial. O sábado 16 de maio haberá visitas á Basílica de San Martiño de Mondoñedo, ao patrimonio histórico de Monforte, ás áreas románicas de Chantada e Taboada, así como ao románico integrado na contorna natural do Xeoparque Montañas do Courel.
Finalmente, o sábado 23 de maio pechará a programación con dúas propostas na Ribeira Sacra: unha ruta en Pantóndedicada ao monacato feminino e outra en Sober, que ofrecerá un percorrido histórico desde a pegada romana ata o románico.
Todas as actividades son de balde, aínda que contan con prazas limitadas e requiren inscrición previa. As rutas incluirán servizo de guía oficial de turismo, mentres que os desprazamentos deberán realizarse en vehículos particulares.

