Da Rocha Forte a Portomarín: o CIAG conmemora unha década e media de recuperación visual da historia de Galicia
Baixo o lema “15 anos revivindo o patrimonio galego perdido”, o Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG) celebrará na Cidade da Cultura unha xornada conmemorativa para facer balance dunha traxectoria centrada na recuperación visual, mediante tecnoloxías 3D e técnicas infográficas avanzadas, de parte do patrimonio desaparecido ou transformado de Galicia.
O acto terá lugar no edificio Fontán e reunirá figuras destacadas da investigación, a historia da arte e a divulgación cultural. Participarán o catedrático da USC Jesús Ángel Sánchez García, o historiador e divulgador Miguel Ángel Cajigal (El Barroquista) e o xornalista e profesor Manuel Gago, nun programa no que tamén intervirán o fundador e director creativo do CIAG, Carlos Paz de Lorenzo, e o xefe de proxectos, Anxo Miján, encargados de revisar a evolución dunha iniciativa que, desde 2010, desenvolveu preto de 300 virtualizacións patrimoniais en Galicia. A clausura correrá a cargo do director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes.
Ao longo destes quince anos, o CIAG consolidouse como un proxecto especializado na reconstrución dixital de espazos históricos desaparecidos, alterados ou de difícil interpretación, sempre en colaboración con grupos de investigación patrimonial de universidades galegas, estatais e internacionais. Esa cooperación académica é unha das bases coas que a entidade reivindica o rigor histórico das súas recreacións.
O seu catálogo abrangue un percorrido temporal que vai desde a Idade de Ferro ata o século XX, con intervencións sobre castros, fortalezas, pazos, edificios relixiosos, infraestruturas urbanas e arquitectura civil. Entre os seus traballos destacan recreacións como a Citania Galaica de San Cibrao de Lás, o Castelo da Rocha Forte, o Coro pétreo do Mestre Mateo, o edificio Castromil, a antiga vila de Portomarín, o Plan Palacios de Vigo, o Pavillón Lino da Coruña ou o Hotel Balneario da Toxa, entre moitos outros.
A dimensión do seu labor non se limitou a Galicia. Durante dous anos, o CIAG participou en proxectos internacionais para National Geographic, realizando reconstrucións arqueolóxicas de espazos históricos en lugares como Atenas, Cnosos, Teotihuacan, Uxmal ou Timgad, o que ampliou a súa proxección exterior e situou o centro galego nun contexto global da divulgación patrimonial dixital.
Nos últimos anos, o recoñecemento institucional e científico tamén medrou. O proxecto de restitución en 3D da antiga vila de Portomarín, desenvolvido xunto a grupos da USC integrados no IHUS, obtivo en 2024 un premio na VI edición da Asociación de Humanidades Dixitais Hispánicas e, en 2025, un Synergy Grant europeo, nunha competición con participación de máis de trinta países.
A celebración servirá tamén para reivindicar a web do CIAG como arquivo visual e ferramenta educativa, onde se recompilan milleiros de imaxes de reconstrución histórica que permiten acceder a edificios, paisaxes urbanas e xacementos xa desaparecidos ou profundamente transformados. Segundo a entidade, ese fondo converteuse nun recurso de divulgación patrimonial de referencia.
Na actualidade, o centro continúa ampliando o seu campo de traballo con novas restitucións de enclaves como o Castelo de Allariz, o Castro de Santa Trega, a cabeceira gótica da Catedral de Santiago ou o Santuario Mariño de Panxón, nunha liña que combina tecnoloxía, investigación histórica e divulgación pública para reconstruír visualmente a memoria material de Galicia.

