Denuncian a desaparición de varios tramos da histórica rexa do Pazo de Lourizán
O investigador e xestor cultural Ernesto Vázquez‑Rey denunciou a sustracción de varios tramos da rexa perimetral que pecha o predio do Pazo de Lourizán, en Pontevedra. O especialista avanzou que remitirá un escrito á Fiscalía Provincial para poñer os feitos en coñecemento das autoridades xudiciais.
Segundo explicou, a rexa —fabricada a finais do século XIX nos talleres La Industriosa, do enxeñeiro e industrial Antonio Sanjurjo Badía— constitúe unha peza “fundamental” para comprender a evolución histórica do predio e o seu valor patrimonial. Porén, lembra que a súa exclusión da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) deixa o elemento unicamente dentro da zona de amortecemento, “sen unha protección expresa”.
Vázquez‑Rey indicou que o servizo de seguridade que vixía o complexo descoñecía a desaparición dos tramos e elaborou un parte de incidencia para informar a dirección da Escola de Capataces Forestais de Lourizán.
O denunciante sostén que esta situación “era previsible” e que pon de manifesto “o desinterese da Administración autonómica pola rehabilitación da propiedade”, así como a “falta de medios destinados á seguridade do inmoble”.
A rexa histórica, da que xa faltan varias pezas, formaba parte do conxunto arquitectónico do pazo, declarado Ben de Interese Cultural en abril de 2025, dous anos despois de pasar a mans da Xunta. O complexo continúa á espera do inicio do seu plan integral de rehabilitación, valorado en máis de 17 millóns de euros e deseñado polo estudo barcelonés UTE Pinós – Enric Estudio Carme Pinós SLP – Carles Enrich Studio SLP. O proxecto inclúe a recuperación da fachada principal e a creación dun hotel de 20 habitacións.

