Castelo de Portomeiro / Víctor Vicente - Veterum Arqueólogos

Do castro á fortaleza altomedieval: Portomeiro reabre en Val do Dubra o pasado da antiga Gallaecia

Tempo de lectura: < 1 min.

O proxecto científico ‘Castelos no aire’ iniciou este luns 4 de maio unha nova campaña de escavación arqueolóxica no Castelo de Portomeiro, en Val do Dubra, cunha intervención centrada en ampliar as áreas xa investigadas e localizar novas estruturas dentro deste complexo fortificado de época altomedieval.

A actuación forma parte de dúas liñas de investigación de maior alcance. Por unha banda, intégrase no proxecto ‘Estratexias de Control Territorial na Gallaecia Altomedieval (ConTroGAL)’, dirixido polo investigador Mario Pereiro Fernández, membro do grupo SÍNCRISIS-CISPAC da Universidade de Santiago de Compostela. Por outra, inscríbese tamén no proxecto ‘Escenarios de negociación e conflito en espazos de xestión comunal’, coordinado por Margarita Fernández Mier, da Universidade de Oviedo, e José Carlos Sánchez Pardo, tamén da USC.

A campaña conta ademais co apoio financeiro do grupo de investigación Aevum da Universidade de Santiago e mobiliza un equipo interdisciplinar especializado en arqueoloxía e traballo de campo. Como novidade nesta edición, incorpóranse sete estudantes do máster de Arqueoloxía e do grao de Historia da USC, reforzando así a dimensión formativa e académica da intervención.

Máis información en Diario de Santiago

Pode que che interese...