Exiliados republicando cruzando a fronteira hacia Francia / Robert Capa - Museo Reina Sofía

‘Entre hienas’: o libro que destapa a rede franquista que perseguiu exiliados republicanos en Europa

Tempo de lectura: < 1 min.

O Ateneo de Santiago acollerá o vindeiro mércores 20 de maio, ás 19.30 horas, a presentación de Entre hienas, o primeiro libro de Loreto Urraca Luque, unha obra centrada na figura do seu avó, Pedro Urraca Rendueles, policía franquista implicado na persecución de exiliados republicanos en Europa durante a primeira metade do século XX.

O acto terá lugar no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo, situado na Praza de Salvador Parga, en Santiago de Compostela, e contará coa participación da autora xunto a Maricarmen Sánchez, historiadora da arte e membro da directiva do Ateneo.

A publicación afonda na traxectoria de Pedro Urraca a través dunha investigación baseada en cartas persoais, diarios e documentación histórica inédita. O libro reconstrúe a actividade deste axente vinculado á policía franquista e a súa relación coas estruturas represivas do nazismo e do réxime de Vichy durante a Segunda Guerra Mundial.

Entre os episodios abordados na obra figuran a entrega do presidente catalán Lluís Companys ás autoridades franquistas ou a captura de Jean Moulin, unha das figuras máis coñecidas da Resistencia francesa fronte á ocupación nazi. A investigación tamén recupera testemuños e historias vinculadas ás vítimas da represión europea da época, entre elas republicanos exiliados, resistentes franceses e persoas perseguidas polo antisemitismo.

A autora sitúa a obra nun espazo entre a investigación histórica e a narración literaria, coa intención de abrir novas reflexións arredor da memoria democrática e das conexións internacionais do aparato represivo franquista. Licenciada en Filoloxía Hispánica, Loreto Urraca iniciou esta investigación en 2008, tras coñecer a identidade e o pasado político do seu avó. Dende entón desenvolveu un labor continuado de documentación e divulgación histórica, incluíndo a creación da web dedicada á figura de Pedro Urraca e á memoria dos exiliados perseguidos polo franquismo.

Pode que che interese...