Contorna de Monte Faro / Asociación Fulgor

Fulgor do Monte Faro denuncia ante varias administracións presuntas irregularidades en podas forestais en Sanxenxo

Tempo de lectura: 2 min.

A Asociación Fulgor do Monte Faro–Sanxenxo iniciou unha batería de accións legais e administrativas tras detectar o que considera graves irregularidades nos traballos de poda forestal e retirada de biomasa desenvolvidos no entorno de Monte Faro, unha área que a entidade cualifica como especialmente sensible tanto desde o punto de vista patrimonial como ambiental.

Segundo informou o colectivo, xa foron formalizadas denuncias ante o SEPRONA, a Consellería do Medio Rural, o Concello de Sanxenxo e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, co obxectivo de esclarecer a legalidade das actuacións realizadas e determinar posibles responsabilidades.

A asociación sostén que existen indicios de que parte destes traballos se estarían executando en parcelas privadas sen autorización dos seus propietarios, unha circunstancia que podería derivar en responsabilidades administrativas ou penais. Entre os danos recollidos na documentación presentada ás autoridades, Fulgor sinala a alteración de marcos delimitadores de fincas, deterioros en camiños públicos e servidumes, así como diversas afeccións territoriais vinculadas ao uso de maquinaria pesada.

Para sustentar estas denuncias, o colectivo elaborou un dossier no que incorpora documentación catastral, material audiovisual, fotografías e identificación de vehículos presuntamente relacionados cos traballos forestais.

A preocupación da entidade non se limita á propiedade privada. Un dos puntos centrais da súa denuncia é o posible impacto sobre o patrimonio arqueolóxico de Monte Faro, onde existen grupos tumulares catalogados no PXOM de Sanxenxo. Neste contexto, Fulgor solicitou unha actuación urxente por parte de Patrimonio Cultural para verificar se o tránsito e operación de maquinaria pesada puido afectar estes xacementos.

Paralelamente, a asociación rexistrou unha solicitude formal de Acceso á Información Pública para obter información detallada sobre o proceso, reclamando á Administración que aclare que empresas están a executar as podas, se existen subvencións ou convenios públicos asociados e cal foi o volume de madeira e biomasa extraído nos últimos tres anos.

Desde a entidade subliñan tamén o papel da veciñanza na recollida de probas e no seguimento da situación, reivindicando a importancia da vixilancia cidadá como ferramenta de defensa do territorio. A asociación asegura que manterá a súa actividade para garantir, segundo indican, o respecto á legalidade e á conservación do patrimonio natural e cultural da zona.

Nun comunicado, Fulgor advertiu de que continuará promovendo novas iniciativas se a situación o require: “A veciñanza de Sanxenxo non imos permitir que o noso patrimonio e propiedades se destrúan a golpe de retroescavadoras”. A entidade non descarta futuras accións informativas e reivindicativas mentres agarda resposta das administracións implicadas.

Pode que che interese...