Arquivo - Emili Crenzel / Universidad Nacional de Rosario

Memoria, arquivos e desaparecidos: Emilio Crenzel protagoniza unha nova sesión das Conversacións Trasatlánticas en Compostela

Tempo de lectura: 2 min.

A Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 7 de maio ás 19.00 horas a segunda sesión das Conversacións trasatlánticas sobre memoria e historia. Diálogos entre España e Argentina, unha iniciativa promovida polo grupo de investigación HISTAGRA en colaboración co Grupo de Estudios sobre Historia Reciente y Memoria Social do Instituto Gino Germani da Universidade de Bos Aires e co proxecto centrado na violencia e a conflictividade social en contextos de paz e guerra.

Nesta nova sesión participará o sociólogo e investigador Emilio Crenzel, especialista en memoria histórica e estudos sobre a ditadura arxentina, quen presentará o seu máis recente traballo, Pensar los 30.000. Qué sabíamos sobre los desaparecidos durante la dictadura y qué ignoramos todavía.

O encontro abordará un dos debates máis persistentes da historia recente de Arxentina: a construción social, política e histórica arredor da cifra dos 30.000 desaparecidos durante a ditadura militar. A obra de Crenzel analiza como foi evolucionando o coñecemento sobre a represión clandestina nos anos posteriores ao golpe de Estado, atendendo ao papel desempeñado por familiares, organizacións de dereitos humanos, exiliados e distintos actores políticos na elaboración dun relato sobre a desaparición forzada.

A investigación parte da revisión de arquivos, documentos e testemuños para reconstruír como se foi conformando ese saber colectivo e como xurdiron interpretacións diversas, en ocasións contraditorias, sobre cuestións como o número de vítimas, as responsabilidades políticas, o destino dos desaparecidos ou os métodos para a súa contabilización.

Segundo se destaca na presentación da obra, o estudo propón unha reflexión documentada sobre unha cuestión que continúa xerando tensión política e social na Arxentina contemporánea, especialmente fronte ás posicións negacionistas e ás controversias públicas sobre a memoria da violencia estatal.

A sesión celebrarase na Aula de Máster de Historia Contemporánea e insírese nun programa que busca fomentar o diálogo académico entre ambas beiras do Atlántico sobre os procesos de memoria, violencia política e construción histórica, poñendo en relación experiencias de España e América Latina.

Con esta actividade, HISTAGRA continúa afondando no estudo comparado das memorias traumáticas e dos mecanismos sociais e políticos que condicionan a interpretación do pasado recente, situando Santiago de Compostela como espazo de reflexión internacional sobre a historia e a memoria colectiva.

Pode que che interese...