San Cibrán de Dimo revive a súa memoria entre petróglifos, lendas e tradición oral nunha palestra en Catoira
O Concello de Catoira acollerá o próximo venres 22 de maio unha palestra centrada na figura de San Cibrán de Dimo, un enclave rodeado de tradicións populares, elementos patrimoniais e relatos transmitidos oralmente durante xeracións. A actividade terá lugar ás 20.00 horas na sala Celso Emilio e estará impartida por Cristina Conde Escaloni, integrante da asociación organizadora e investigadora afeccionada da arte rupestre e da historia local.
Baixo o título ‘San Cibrán de Dimo: historia e lenda’, a conferencia abordará diferentes aspectos vinculados á ermida e ao seu entorno, coñecido na tradición popular pola devoción a un “santiño milagreiro” ao que se lle atribuían propiedades para aliviar dores e curar o reuma. A sesión combinará explicacións históricas, referencias arqueolóxicas e relatos populares co obxectivo de recuperar a memoria colectiva arredor deste lugar.
Un dos eixos da charla será a relación de San Cibrán cos petróglifos e os antigos camiños naturais, que Cristina Escaloni vincula con posibles rutas prehistóricas na contorna do monte Xiabre. Ademais, analizaranse distintas inscricións conservadas na ermida e nos seus arredores, entre elas un gravado situado no lintel da porta da espadana, que podería corresponder á época altomedieval aínda que o seu desgaste dificulta a lectura.
Tamén se fará referencia a outras marcas pétreas e inscricións históricas, como unha data de 1850 localizada na parte baixa da porta da sancristía, unha cruz gravada preto das escaleiras que conducen á carballeira inferior e outra inscrición desaparecida nunha xanela, que podería achegar información sobre a cronoloxía da construción da ermida.
A recuperación da antiga campá será outro dos episodios destacados da palestra. Segundo explicará a relatora, a peza foi recuperada despois de permanecer arredor de medio século desaparecida e volverá soar no entorno da carballeira e do Xiabre, recuperando así un elemento simbólico da tradición local.
Memoria oral e tradición popular
A conferencia tamén recollerá refráns, noticias antigas, ofrendas, referencias a alvarizas e ao curro, ademais de numerosas historias ligadas ás romarías celebradas no lugar. Entre elas destaca a lembranza dun pequeno santiño empregado polo sancristán ao remate das misas da ermida. Segundo a tradición oral, facía a sinal da cruz e golpeaba suavemente coa imaxe na parte do corpo afectada polos doentes que acudían á romaxe. As historias populares aseguran, ademais, que o golpe podía variar de intensidade segundo a relación do sancristán coa persoa en cuestión.
A organización sinala que a actividade pretende tamén animar ás persoas asistentes a compartir lembranzas e información que permitan seguir reconstruíndo a historia popular de San Cibrán de Dimo, un patrimonio que ata o momento foi transmitido principalmente por vía oral.

