Un gran incendio tras a caída do imperio visigodo arrasou o poboado de Neixón
O recente descubrimento dun posible edificio relixioso no castro de Neixón Grande, no concello de Boiro, abre unha nova vía para comprender como evolucionaron estes asentamentos entre a Antigüidade e a Alta Idade Media.
As escavacións arqueolóxicas realizadas entre 2015 e 2018 permitiron identificar unha construción duns 115 metros cadrados que podería corresponder cunha pequena igrexa ou espazo de culto de época altomedieval. Esta hipótese sostense pola proximidade dun espazo funerario onde apareceron varias tumbas, segundo os investigadores.
O achado resulta relevante porque confirma que moitos castros non quedaron abandonados tras a romanización, senón que continuaron ocupados e en transformación durante os séculos. No caso de Neixón Grande, os restos indican unha reutilización do espazo nun contexto marcado pola expansión do cristianismo en Galicia.
Os investigadores tamén atoparon evidencias dun gran incendio ocorrido arredor do século VIII, logo da caída do reino visigodo, que provocou o desmoroamento do edificio.
A descuberta foi publicada no número 65 de El Museo de Pontevedra, polos arqueólogos Víctor Barbeito e Ramón Fábregas xunto con outros profesionais. Para ler máis información, visitar Culturagalega.gal

