Escavación nas Illas Cíes / DUVI

Unha cabana, un cuncheiro e dous chans medievais: as novas pistas do castro de Hortas nas illas Cíes

Tempo de lectura: 3 min.

As Illas Cíes gardan baixo a vexetación da ladeira do Faro unha historia máis longa e complexa do que ata hai pouco se podía documentar con claridade. A nova campaña arqueolóxica no castro de Hortas, dirixida por Alba Antía Rodríguez Nóvoa, permitiu avanzar na definición dun xacemento coñecido desde hai tempo, mais aínda cheo de preguntas abertas sobre a súa extensión, a súa cronoloxía e a maneira na que foi ocupado ao longo dos séculos.

“Hortas é como o punto oposto ao Castelo dos Mouros en canto ao coñecemento”, explica a arqueóloga. Mentres que o xacemento de Ons partía dunha situación de maior descoñecemento inicial, nas Cíes xa existiran intervencións e estudos previos. Porén, quedaba pendente unha cuestión central: pechar arqueoloxicamente que foi exactamente o castro de Hortas.

“Xa se sabía que era un castro, que tiña unha ocupación da Idade do Ferro, aparecían algúns materiais romanos, son moi famosas as cabanas de Cíes e demais, pero Castro de Hortas son moitas cousas”, sinala Rodríguez Nóvoa. A campaña buscaba responder a unha pregunta concreta: durante canto tempo se ocupou este espazo e en que zonas da ampla ladeira se concentraron esas ocupacións.

O enclave non parece, a primeira vista, un lugar cómodo para vivir. A arqueóloga describe a ladeira como “inmensa”, “venteadísima” e “bastante hostil”. Precisamente por iso, unha das cuestións de fondo é entender por que as comunidades que chegaron ás Cíes escolleron ese lugar e que función puido ter dentro das dinámicas marítimas da fachada atlántica.

A intervención partía tamén dunha hipótese condicionada pola propia topografía. A forte pendente e o uso histórico da zona como espazo de cultivo facían pensar que os restos podían estar moi alterados. “Sempre pensamos que estaba todo bastante barrido, bastante mal conservado, pola pendente”, recoñece Alba Antía Rodríguez Nóvoa. A sorpresa foi outra: os restos seguen alí, conservados en determinados puntos malia os usos posteriores da ladeira.

O propio topónimo, Hortas, apunta a esa historia de ocupación e transformación do espazo. “Seguramente funcionou como horta en algún momento, quizais en época medieval”, indica a arqueóloga. Mais eses usos non destruíron por completo as evidencias anteriores. Ao contrario, as sondaxes permitiron documentar unha secuencia na que aparecen restos castrexos, romanos e altomedievais.

Un dos resultados máis relevantes da campaña foi a localización dunha cabana asociada a unha lixeira ou cuncheiro. A estrutura aparece vinculada a unha acumulación de aproximadamente metro e medio de cunchas, espiñas e ósos de animais. Ese depósito permitirá obter información sobre a vida cotiá das persoas que habitaron o castro, os seus hábitos alimentarios e a cronoloxía da ocupación.

“Temos unha cabana asociada a unha lixeira, a un cuncheiro, son metro e medio de conchas, espiñas, ósos animais, que imos poder datar”, explica Rodríguez Nóvoa. A importancia dese achado reside en que permite relacionar unha estrutura habitacional cun contexto arqueolóxico rico en materiais orgánicos e restos de consumo. A partir desa análise poderase saber mellor cando se ocupou esa casa e que tipo de actividades se desenvolvían arredor dela.

A outra gran novidade apareceu nunha segunda sondaxe. Alí documentouse unha estrutura con dous momentos de uso diferenciados: un primeiro chan de época tardoantiga, arredor do século VI, e outro posterior, do século IX. “Eses dous períodos si que son unha novidade, non se tiña topado nada”, sinala a directora da intervención.

Esta constatación amplía a lectura histórica das Cíes. Non se trata só dun asentamento castrexo con posibles materiais romanos, senón dun espazo que mantivo ocupación ou uso durante etapas posteriores. Alba Antía Rodríguez Nóvoa lembra que en intervencións noutros puntos das illas xa apareceran materiais dese período, mais agora Hortas achega novas evidencias estruturais. “Resulta que non están só en Cíes, tamén están vivindo en Hortas”, resume.

A posición do castro reforza ademais a interpretación das Cíes como un lugar estratéxico dentro das rutas marítimas atlánticas. Segundo a arqueóloga, o enclave debe entenderse nun contexto de circulación de barcos, mercadorías e persoas. “Podemos dicir que é como un emporio, como un punto clave onde chegan todos os barcos que van polo Atlántico”, explica.

Ese papel non se limitaría á chegada de produtos. Rodríguez Nóvoa insiste en que tamén cómpre pensar nas saídas desde o territorio: “Non só veñen mercadorías, senón que de aquí tamén saen metais, materias primas, seguramente, quizais, persoas escravizadas en algún momento da historia”. A relación entre as illas e o continente sería, polo tanto, estreita e bidireccional, cunha posición especialmente relevante entre Vigo e as Cíes.

A campaña inscríbese tamén no marco do proxecto Sentinela, destinado a monitorizar elementos arqueolóxicos e arquitectónicos do Parque Nacional das Illas Atlánticas. O obxectivo é avaliar como lles afectan fenómenos naturais e accións humanas a bens situados en Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.

No caso concreto do castro de Hortas, Alba Antía Rodríguez Nóvoa sinala que o xacemento está relativamente protexido porque non se atopa nunha zona de paso habitual, os restos permanecen cubertos pola terra e a vexetación e a área funciona como espazo de aniñamento de gaivotas. “Está virxe e está protexidiño polas gaivotas neste momento”, apunta.

Pode que che interese...