Unha inscrición xunto á Torre de Hércules podería agochar a escritura máis antiga do norte peninsular
A contorna da Torre de Hércules converterase este martes nun punto de encontro entre arqueoloxía, astronomía e historia coa presentación do novo libro do historiador e guía oficial de turismo Suso Martínez. A obra, titulada De inscricións e constatacións astronómicas xunto á Torre de Hércules, será presentada ás 19.00 horas no salón de actos da Autoridade Portuaria nun acto no que tamén participarán o arqueólogo Marco Rivas e o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado.
O libro recolle os resultados dunha investigación desenvolvida ao longo de catro anos mediante traballo documental e observación directa sobre un espazo situado ao leste do promontorio da Torre de Hércules. O estudo xorde a partir dunha hipótese formulada nunha publicación previa vinculada á Autoridade Portuaria e ao profesor Colmenero, na que se apuntaba a posibilidade da existencia dun espazo simbólico prerromano asociado a determinadas inscricións descubertas na zona.
A partir desa proposta inicial, Martínez iniciou unha investigación máis ampla coa colaboración de Marco Rivas. Segundo explica o autor, ese traballo permitiu identificar elementos que poderían achegar novas interpretacións sobre a paisaxe histórica do lugar. “Partindo desde aí e coa colaboración do arqueólogo Marco Rivas, localizamos non só a inscrición na que podería poñer o nome dunha divinidade galaicorromana, senón tamén documentamos a existencia doutra inscrición con tres grafías estrañas”.
Un dos aspectos centrais da investigación ten que ver coa relación entre estas inscricións e determinados fenómenos astronómicos. O ensaio propón que certas posicións solares en datas sinaladas poderían establecer conexións espaciais entre as inscricións e outros elementos da paisaxe.
Máis información en La Voz de Galicia

