Val do Dubra escava o seu pasado: Portomeiro revela como as elites controlaban Galicia hai máis de mil anos
No Val do Dubra, entre plataformas defensivas, derrubes de pedra e séculos superpostos, o Castelo de Portomeiro volve abrir unha xanela a un dos períodos menos coñecidos da historia galega. O proxecto científico ‘Castelos no aire’, codirixido por Mario Pereiro Fernández e José Carlos Sánchez Pardo, retomou este mes maio unha nova campaña arqueolóxica nun enclave que xa se perfila como unha das claves para comprender a transición entre o mundo castrexo e a reorganización política da Alta Idade Media en Galicia.
Catorce anos despois das primeiras intervencións, o equipo regresa cun obxectivo claro: ampliar a investigación na zona central do recinto e seguir desentrañando a complexa historia dun espazo que, segundo as hipóteses actuais, foi moito máis que unha simple fortificación.
A singularidade de Portomeiro reside en que o castelo altomedieval, datado entre os séculos VIII e X, foi construído sobre un asentamento castrexo anterior. Mais non se tratou dunha ocupación pasiva ou dunha mera reutilización: segundo explica Mario Pereiro, todo apunta a unha transformación radical da paisaxe.
Nos niveis arqueolóxicos documentáronse fragmentos cerámicos e restos estruturais asociados á ocupación protohistórica, pero tamén indicios de que, durante a Alta Idade Media, o espazo interior do antigo castro foi profundamente reformulado. “O que fan nos séculos VIII é destruír completamente o castro, polo menos no interior, e reorganizar o urbanismo dentro das murallas”, sinala o investigador.
Esta constatación abre unha vía de enorme relevancia para a arqueoloxía galega: ata que punto moitos castelos altomedievais poderían estar reutilizando ou transformando antigos castros da Idade do Ferro? A pregunta segue aberta, en parte porque son poucos os xacementos deste período escavados de forma sistemática.

Vista aérea do xacemento / Castelos no aire
Un dos grandes castelos altomedievais escavados do noroeste
Portomeiro ocupa xa unha posición destacada no panorama peninsular. Trátase dun dos poucos castelos altomedievais escavados en profundidade en Galicia e, segundo destaca Pereiro, un dos máis relevantes do noroeste.
Esta escaseza converte o xacemento dubrés nun lugar estratéxico para analizar como se artellaban os espazos de poder antes da plena integración de Galicia nas dinámicas da monarquía asturiana.
A hipótese do equipo é que estes castelos funcionaron como instrumentos de control territorial por parte de aristocracias locais, nun momento de negociación, competencia ou colaboración co poder emerxente. “Seguramente son estratexias das elites para controlar os seus territorios”, explica Pereiro.
Neste sentido, Portomeiro encaixaría nunha paisaxe formada por tres grandes piares: o hábitat rural disperso, os primeiros edificios relixiosos e estes recintos fortificados vinculados ás elites.
O misterio do abandono: Santiago e a nova orde do poder
Un dos aspectos máis intrigantes de Portomeiro é a súa cronoloxía final. A diferenza doutros castelos medievais galegos, que perduraron séculos, este enclave parece ser abandonado arredor do ano 1000 ou comezos do XI.
A explicación definitiva aínda non existe, pero unha das principais hipóteses apunta á crecente centralidade de Santiago de Compostela e ao fortalecemento do poder episcopal compostelán. A proximidade con Compostela podería ter convertido esta fortaleza nun elemento incómodo dentro dunha nova configuración política. “Quizais non interesaba manter un castelo doutra aristocracia tan preto”, apunta o arqueólogo.
A intervención actual céntrase na plataforma central do xacemento, onde campañas anteriores descubriron un espazo que inicialmente parecía unha gran estrutura, pero que resultou ser un complexo arquitectónico arredor dun patio.
Agora, a prioridade é comprobar se se trata do edificio principal do castelo, posiblemente o núcleo político ou residencial do asentamento. Durante dúas semanas, o equipo intervirá en arredor de 80 metros cadrados.
Se hai un aspecto no que Portomeiro xa deixou pegada é no estudo da cerámica altomedieval. O xacemento proporcionou un dos contextos máis completos documentados en Galicia, con formas e decoracións que serviron como patrón para outras investigacións.
“Foi o primeiro xacemento galego que deu un contexto bastante completo”, destaca Pereiro.
Esta riqueza permite non só datar estruturas, senón tamén reconstruír funcións concretas dos edificios. Grazas á cultura material, identificáronse xa espazos asociados a almacenaxe e cociña, así como áreas posiblemente relacionadas con actividades metalúrxicas.
A aparición futura de materiais de importación podería incluso revelar a integración de Portomeiro en redes comerciais de longa distancia.
Arqueoloxía como formación e patrimonio comunitario
Portomeiro é tamén un proxecto de formación. Nesta campaña participan estudantes de máster e grao da Universidade de Santiago de Compostela, convertendo o castelo nunha auténtica escola de arqueoloxía de campo. Ao mesmo tempo, o xacemento mantén unha estreita relación coa comunidade local. A parcela pertence a unha asociación cultural de Val do Dubra, implicada na conservación, limpeza e divulgación do espazo. Visitas guiadas, charlas abertas e rutas históricas forman parte dunha estratexia que busca facer do coñecemento arqueolóxico un patrimonio compartido pola veciñanza.

