A Porta do Paraíso e a Porta de Praterías, os detalles ocultos das entradas laterais á Catedral de Santiago
Os peregrinos que chegan á Catedral de Santiago despois do longo camiño poden acceder ao templo por tres portas. A principial e máis vistosa, a do Obradoiro; e logo as duas laterais e máis frecuentadas; a de Praterías e da fachada norte, da Acibechería. Precisamente, sobre estas dúas entradas, afondou o historiador da arte Manuel Antonio Castiñeiras González, catedrático de Historia da Arte Medieval na Universitat Autònoma de Barcelona e un dos maiores especialistas en arte románica, na palestra “Portais historiados da catedral de Santiago”.
A construción da catedral románica compostelá comezou no ano 1075 baixo o reinado de Afonso VI e o episcopado de Diego Peláez. Foi durante o mandato do arcebispo Diego Xelmírez cando Santiago de Compostela consolidou a súa relevancia como gran centro de peregrinación europea, comparable a Roma ou Xerusalén. Neste contexto levantáronse as dúas grandes portadas dos cruceiros: a de Praterías, ao sur, e a antiga portada norte, situada no lugar da actual Acibechería. Ambas formaban parte dun ambicioso programa iconográfico destinado a narrar a historia da humanidade, segundo apuntou Castiñeiras González na palestra que forma parte do ciclo Iconografía e Arquitectura na Catedral de Santiago de Compostela, s. XI-XV, organizado pola asociación cultural O Galo.
Unha “carreira frenética” de escultores e talleres
As dúas portadas foron executadas ao longo de aproximadamente dúas décadas por diferentes talleres e mestres escultores. As obras desenvolvéronse nun contexto de intensa actividade construtiva impulsada polo arcebispo Diego Xelmírez, quen pretendía consolidar Santiago como un dos grandes centros de peregrinación da cristiandade.
Esta auténtica “carreira frenética”, en palabras do historiador, e a participación de diversos equipos de traballo explican a variedade de estilos e solucións artísticas que os especialistas identifican nas esculturas conservadas. A análise destas diferenzas permitiu atribuír distintas pezas a seis mestres diferentes entre as dúas portadas.
A Fachada do Paraíso
A portada norte, coñecida tamén como Porta Francíxena ou Fachada do Paraíso, constituía a meta final para os peregrinos que chegaban polo Camiño Francés. O seu programa escultórico inspirábase no libro da Xénese e incluía representacións da creación de Adán e Eva, o Pecado Orixinal e outras escenas relacionadas coa orixe da humanidade. Xunto a estes motivos relixiosos tamén aparecían elementos profanos, como o ciclo dos meses: unha serie de representacións das tarefas agrícolas e cotiás asociadas a cada época do ano.

Portada Francíxena da Catedral de Santiago de Compostela 1101-1111 (reconstrución hipotética). Foto: Victoriano Nodar 2008
Estes motivos profanos e escenas cotiás axudaban a transmitir unha mensaxe moral aos fieis. As esculturas mostraban tanto as consecuencias do pecado como os principios que debían rexer a vida cristiá, convertendo os accesos á catedral nun espazo de ensinanza das crenzas relixiosas.
Nunha sociedade na que a alfabetización estaba limitada a unha minoría, fundamentalmente membros do clero e das elites, as imaxes desempeñaban un papel esencial na difusión dos relatos bíblicos e das doutrinas relixiosas. A través da escultura, a pintura e a arquitectura, a Igrexa facía visibles conceptos teolóxicos complexos e episodios das Escrituras.
A memoria dunha portada desaparecida
A destrución da fachada Francíxena entre os anos 1757 e 1758 provocou que moitas das esculturas que sobreviviron fosen reutilizadas na portada de Praterías. Como resultado, esta conserva hoxe un complexo conxunto de pezas procedentes de diferentes momentos e localizacións, configurando un dos programas escultóricos máis singulares da arte románica europea.
Grazas á combinación de fontes documentais, evidencias arqueolóxicas e á detallada descrición recollida no Códice Calixtino, os investigadores puideron elaborar unha recreación hipotética en tres dimensións do aspecto orixinal da desaparecida Fachada do Paraíso.
- Portada Francíxena da Catedral de Santiago de Compostela (reconstrución hipotética en 3D). 2010. Autor, Tomás Guerrero – Magnetostudio
- Actual Portada da Azibacharía
A conferencia puxo de relevo como detrás das actuais portadas da catedral se agocha unha complexa historia de arte, poder e fe que continúa fascinando aos investigadores nove séculos despois. Grazas ao traballo de historiadores da arte, arqueólogos e especialistas do patrimonio, é posible reconstruír hoxe parte da historia destas portadas e comprender mellor o seu significado orixinal. As súas esculturas non só permiten achegarse á espiritualidade medieval, senón tamén á sociedade, ás crenzas e ás ambicións dunha Compostela que aspiraba a situarse entre os grandes centros da cristiandade.



