De esquerda a dereita: Marilar Aleixandre, Alba Rodríguez Saavedra, Brais Lorenzo e Ana Cabana / Real Academia Galega

A RAG revisa o legado de Ruth Matilda Anderson: mulleres, rural e memoria nas marxes

Tempo de lectura: 7 min.

A viaxe que Ruth Matilda Anderson realizou por Galicia entre 1924 e 1926 segue a abrir novas lecturas un século despois. A fotógrafa, investigadora, tradutora e conservadora da Hispanic Society de Nova York chegou ao país coa encarga de documentar unha Galicia tradicional nun momento de transformación, mais o resultado do seu traballo acabou sendo moito máis ca un rexistro etnográfico. A súa cámara detívose con especial atención nunha realidade que o relato dominante apenas incorporara: o papel das mulleres rurais como forza económica, laboral e social.

Ese foi un dos eixes do terceiro encontro do Grupo de Traballo de Pensamento e Ensaio da Real Academia Galega, unha sesión que reuniu a investigadora da Universidade de Vigo Alba Rodríguez Saavedra, a historiadora da Universidade de Santiago Ana Cabana e o fotoxornalista Brais Lorenzo. A cita partiu do legado de Anderson para establecer unha conversa entre a Galicia rural de hai cen anos e as formas de habitar o territorio que hoxe se están a documentar en proxectos contemporáneos.

A coordinadora do grupo de traballo da RAG, Marilar Aleixandre, resumiu a relevancia da autora norteamericana sinalando que “as mulleres eran a forza de traballo e ninguén as ollou do modo en que ela o fixo”. Para a académica, o recoñecemento actual desa mirada tamén se debe ao labor recente de investigación arredor da súa figura. “Foi necesaria a ollada violeta de Alba Rodríguez Saavedra para facelo visible”, afirmou en referencia ao libro Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes, obra que recibiu o último premio Follas Novas de Ensaio.

O encontro, apoiado polo Concello da Coruña, enmárcase no obxectivo do grupo de traballo de promover novas interpretacións sobre Galicia. Segundo explicou Aleixandre, a intención é contribuír a discursos que amosen as posibilidades do país e que se afastan tanto dunha visión folclorizante como dunha lectura centrada unicamente na explotación do territorio. “Pretendemos contribuír aos discursos alternativos sobre Galicia, que poñan de relevo as potencialidades do país, as posibilidades de construír proxectos de vida. Buscamos superar discursos que contemplan Galicia unicamente como lugar que ser explotado polo extractivismo ou caracterizado de modo folclórico”, sinalou.

A sesión rematou coa actuación de Cantigas e Agarimos, agrupación fundada nos anos vinte do século pasado e que en 2025 estreou un espectáculo dedicado a Ruth Matilda Anderson. O grupo interpretou varias pezas tradicionais como peche dunha xornada centrada precisamente na revisión crítica da Galicia rural, da memoria cultural e das mulleres que a habitaron e a sostiveron.

Unha autora desprazada ás marxes

A figura de Ruth Matilda Anderson foi recuperada en Galicia sobre todo a través da súa obra fotográfica, pero Alba Rodríguez Saavedra defende que a súa achega foi máis ampla. A investigadora da UVigo puido acceder ao seu legado a través dos proxectos expositivos que trouxeron a Galicia unha escolma do fondo conservado na Hispanic Society, integrado por máis de 5.000 imaxes. Desa aproximación xurdiu unha lectura que presenta a Anderson non só como fotógrafa, senón tamén como autora dun dos traballos máis completos sobre a Galicia do primeiro terzo do século XX.

A súa obra Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña, publicada en 1939, recolle parte do resultado da súa estadía galega. O volume inclúe ademais unha tradución ao inglés de Rosalía de Castro que, segundo Rodríguez Saavedra, foi a máis extensa ata a publicación de Poems en 1964, preparada por Xosé Filgueira Valverde. Este feito sitúa a Anderson tamén no ámbito da mediación cultural e da tradución, nunha posición que quedou durante décadas afastada do centro dos estudos sobre a cultura galega contemporánea.

Rodríguez Saavedra considera que unha das razóns dese esquecemento está no carácter incómodo do seu discurso. “O de Anderson non é un discurso compracente co discurso canónico. Os nosos intelectuais máis sobranceiros do momento aparecen citados nas referencias bibliográficas pero están ausentes da parte principal do seu libro”, explicou. Fronte a ese canon masculino, a autora norteamericana apoiouse especialmente en Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro.

A lectura que Anderson fixo de Rosalía resultaba, segundo a investigadora, pouco compatible coa imaxe que xa se estaba a consolidar arredor da escritora. “Ela apóiase basicamente en dúas escritoras galegas fundamentais: Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro, pola que sentía unha grande admiración. E escolmou nas súas traducións textos que rompían por todos os lados o estereotipo de Rosalía que xa estaba consolidado naquela época. Coido que parte da ocultación que sufriu ten que ver con este feito. A Rosalía que aparece en Ruth Matilda Anderson é unha Rosalía que reivindica as mulleres, que denuncia a opresión que sofren e que se mostra ademais retranqueira e sarcástica, non a mater dolorosa que dependía de Manuel Murguía”, detallou.

Esta recuperación dunha Rosalía combativa conecta coa propia mirada fotográfica de Anderson. A fotógrafa non centrou a súa atención nunha Galicia rural entendida como decorado, senón nunha sociedade atravesada polo traballo feminino. Nas súas imaxes aparecen mulleres desenvolvendo tarefas vinculadas ao mar, ao campo, aos transportes, á venda, á produción artesanal ou ao coidado da economía doméstica e comunitaria. Esa insistencia en mostrar o traballo das mulleres tamén cuestiona, para Rodríguez Saavedra, a maneira en que se relatou o primeiro terzo do século XX en Galicia.

“Puxo a ollada nas mulleres que traballaban en todo tipo de labores e isto dalgunha maneira cuestiona a maneira en que foi contada a nosa historia oficial do primeiro terzo do século XX, que pon o foco na mecanización do traballo, que nin chegou por igual a todos os lugares nin chegou de ningunha das maneiras ás mulleres”, afirmou.

O traballo feminino como economía e non como axuda

A historiadora Ana Cabana, integrante do grupo Histagra da USC, situou o legado de Anderson no marco da historia agraria e da historia das mulleres. A profesora lembrou que o traballo feminino tardou moito en entrar como obxecto de estudo recoñecido no ámbito académico. No caso galego, esa invisibilidade foi aínda maior pola asociación dese traballo co mundo rural.

“Ata que a historia das mulleres comeza a entrar no ámbito académico estatal coa fin da ditadura, o traballo feminino nin sequera era considerado. E no caso galego, onde ten que ver moito co rural, ficaba dobremente invisibilizado. Onde pensabamos que non estaban as mulleres, Ruth Matilda Anderson amósanos que si estaban”, sinalou Cabana.

As fotografías de Anderson permiten ver unha Galicia marcada pola emigración masculina e pola presenza constante de mulleres en múltiples tarefas produtivas. A norteamericana retratou nenas, mozas e mulleres adultas realizando labores que ían moito máis alá do espazo doméstico. Nas súas imaxes aparecen leiteiras, carteiras, mulleres que tiran das redes no mar, que cargan ladrillos ou que traballan no encaixe. Esa documentación, segundo Cabana, non presenta esas actividades como algo anecdótico, senón como parte esencial da economía.

“Amosou e defendeu a súa potencialidade económica. Cando visita as palilleiras, fala delas como dunha industria. Ata entón ninguén as vira desa maneira. Anderson ten neste sentido unha visión moi pioneira. En vez de ver o traballo feminino como algo vergonzoso ou caer no estereotipo, ela viu o potencial e a importancia desa Galicia á marxe das cidades, que era masivamente das mulleres. Deulles valor”, explicou a historiadora.

Cabana propuxo tamén revisar a linguaxe coa que se describiu tradicionalmente a experiencia das mulleres galegas. Fronte á expresión “pasar traballos”, empregada moitas veces para falar da súa dureza vital, a profesora defendeu a necesidade de nomear con precisión o que esas mulleres fixeron: actividade laboral, traballo non remunerado e tarefas non recoñecidas. A cuestión, polo tanto, non sería só incorporar mulleres a un relato xa feito, senón mudar as categorías coas que se interpreta a historia social e económica de Galicia.

Nese sentido, a fotografía convértese nunha fonte especialmente relevante. Cabana lembrou que as mulleres rurais adoitan aparecer de maneira indirecta nos documentos escritos, moitas veces a través da voz doutros. “Cando miras a documentación, a elas sempre as contan outros. É un relato feito desde a outredade, algo moi propio dos grupos subalternos, que alguén fala por ti porque ti non tes voz”, explicou.

As imaxes de Anderson, pola contra, permiten reconstruír presenzas, xestos, oficios e espazos de traballo que doutro xeito quedarían fóra dos arquivos máis habituais. A súa obra funciona así como unha vía para reler a historia contemporánea galega desde as marxes, prestando atención non só ao que aparece, senón tamén ao que durante moito tempo non foi considerado digno de formar parte do relato histórico.

Do rural de Anderson ao rural que hoxe se transforma

O encontro tamén estableceu unha ponte entre a Galicia retratada por Anderson e a Galicia que hoxe documenta o fotoxornalista Brais Lorenzo a través do proxecto ‘Habitar o baleiro’. Cen anos despois da estadía da fotógrafa norteamericana, Lorenzo volve poñer a cámara nas aldeas, especialmente en núcleos de Ourense e Lugo afectados polo despoboamento e polo illamento.

O proxecto, de carácter multiplataforma, combina fotografías con textos de distintas autoras e autores para documentar unha forma de vida que está a desaparecer, mais tamén novas maneiras de permanecer ou regresar ao rural. Lorenzo explicou que o seu interese non se limita á perda demográfica, senón tamén ás consecuencias ambientais e sociais do abandono. “Interésannos as consecuencias que o abandono do rural ten, por exemplo, no medio ambiente, pero tamén queremos amosar o lado esperanzador e o que agroma, esas novas formas de habitar o rural en Galicia”, indicou.

O fotoxornalista, recoñecido co último World Press Photo por ‘Terra queimada’, reportaxe sobre a vaga de incendios do pasado verán en Galicia, sitúa novamente as mulleres no centro desa ollada sobre o territorio. Segundo explicou, a súa presenza segue a ser fundamental tanto pola maior esperanza de vida feminina como polo papel que continúan desempeñando no sostemento das aldeas.

“É natural que sexa así, non só pola maior esperanza de vida feminina, senón porque as mulleres seguen a ser o sostén do rural. Atenden o gando e a terra, e son tamén coidadoras, porque moitas veces son elas, mulleres entre os corenta e os cincuenta anos, as que se fan cargo das nais e pais, xa que en moitas ocasións hai servizos que non chegan ao rural”, afirmou.

As mulleres que aparecen nos traballos de Lorenzo pertencen a xeracións e procedencias diversas. Algunhas naceron en Galicia e outras chegaron desde outros lugares. Unhas regresaron ás casas familiares e outras iniciaron novos proxectos en aldeas nas que procuran unha vida distinta. Entre elas están Natalia, apicultora da Ulloa; María José, que volveu á súa casa familiar de Silleda para crear unha empresa de froita deshidratada; ou Luz, impulsora dunha cooperativa de conservas ribeiregas en Negueira de Muñiz.

A conexión entre Anderson e Lorenzo non se establece só polo uso da fotografía, senón pola escolla do lugar desde o que mirar. Nos dous casos, a cámara detense en territorios e persoas que adoitan quedar fóra dos discursos centrais. No primeiro terzo do século XX, Anderson documentou a Galicia rural cando a industrialización avanzaba de maneira desigual e cando o traballo das mulleres apenas era recoñecido como economía. No presente, Lorenzo retrata aldeas marcadas polo despoboamento, mais tamén por novas iniciativas que tentan construír futuro desde o propio territorio.

A xornada da RAG propuxo así unha lectura que une memoria, ensaio, fotografía, historia das mulleres e ruralidade. A figura de Ruth Matilda Anderson aparece agora non só como unha autora recuperada, senón como unha ferramenta para revisar a maneira en que Galicia foi contada. A súa obra permite ver que alí onde o relato oficial falaba de tradición, atraso ou folclore, había tamén traballo, industria, coñecemento, redes comunitarias e mulleres sostendo boa parte da vida económica e social do país.

A Galicia que Anderson fotografou non era unha postal inmóbil. Tampouco o é a Galicia que hoxe documentan novos proxectos arredor do rural. Entre unha e outra emerxe unha continuidade: a necesidade de mirar cara aos lugares que foron considerados periféricos e ás mulleres que os fixeron posibles, desde aquelas que tiraban das redes ou traballaban como palilleiras ata as que hoxe crean cooperativas, coidan da terra, sosteñen familias ou abren novas formas de habitar as aldeas.

Pode que che interese...