As estatuas do Mestre Mateo abren en Santiago un debate sobre memoria, arte e patrimonio público
A localización definitiva das esculturas do Mestre Mateo recuperadas polo Concello de Santiago das mans da familia Franco será decidida nas próximas semanas. Así o avanzou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, durante a mesa redonda que pechou a última sesión das xornadas ‘Arte e Espolio – En torno ás estatuas do Mestre Mateo’, celebradas co impulso do Concello de Santiago e coa colaboración do Museo do Pobo Galego.
O encontro reuniu representantes das principais institucións implicadas no debate sobre o futuro das pezas: a Fundación Catedral de Santiago, o Museo do Pobo Galego, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e o propio Concello de Santiago, titular das esculturas tras a resolución xudicial que ordenou a súa restitución.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, encargouse de abrir a mesa lembrando que as xornadas tiñan como obxectivo reconstruír o percorrido histórico, xurídico e simbólico das pezas, pero tamén dar voz ás persoas e institucións que participaron no proceso de recuperación. Louzao explicou que o Concello parte de dous criterios para decidir o futuro emprazamento: que as esculturas estean nun lugar público e visitable, e que ese espazo conte coas condicións axeitadas para garantir a súa conservación.
Con esas premisas, sinalou, o Concello entende que a opción debe pasar por unha institución museística. A propia Louzao indicou que a súa antiga localización no Pazo de Raxoi, antes de seren espoliadas, non cumpriría actualmente todos os requisitos necesarios, especialmente no relativo á conservación das obras.
A alcaldesa confirmou esta orientación ao final da mesa. Sanmartín afirmou que o Concello non anunciaría aínda o lugar escollido, porque, tras o desenvolvemento das xornadas, considera necesario “repousar” todo o debatido. Con todo, deixou claro que o Pazo de Raxoi non é o espazo máis axeitado para acoller as esculturas. “Non é o lugar apropiado para que estean as estatuas”, sinalou, antes de engadir que o futuro emprazamento deberá ser un museo e, ademais, “un museo vivo”.
Unha decisión pendente tras tres xornadas sobre espolio, memoria e patrimonio
As xornadas chegaron ao seu remate despois de tres sesións dedicadas ao estudo do espolio artístico no nazismo e no franquismo, aos casos galegos de apropiación patrimonial durante a ditadura e, finalmente, á historia concreta das esculturas atribuídas ao Mestre Mateo que foran adquiridas polo Concello de Santiago e acabaron en mans da familia Franco.
Louzao subliñou que o proceso de recuperación non foi resultado dunha única actuación, senón dunha suma de intervencións procedentes do asociacionismo, das reivindicacións políticas, do traballo do funcionariado, dos servizos xurídicos e das decisións adoptadas polos responsables públicos en distintos momentos. Segundo indicou, a intención das xornadas foi contar esa historia desde unha perspectiva ampla, incorporando tamén a quen non adoita ocupar o primeiro plano nos relatos institucionais.
Na mesa final participaron Daniel Lorenzo, en representación da Fundación Catedral de Santiago; Concha Losada, polo Padroado do Museo do Pobo Galego; Manuel María Chaín, como representante da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; e Goretti Sanmartín, como alcaldesa de Santiago. Despois das intervencións iniciais abriuse unha quenda de participación do público, na que se abordaron tanto o futuro das esculturas recuperadas como a situación doutras pezas vinculadas á obra mateana que permanecen dispersas.
A Catedral non reivindica as esculturas e reclama máis coñecemento sobre a obra mateana
O director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, comezou a súa intervención aclarando que non acudía á mesa para reclamar as esculturas. “Non veño a reivindicar en absoluto para nada as estatuas”, afirmou. Segundo explicou, a decisión corresponde ao titular das pezas, é dicir, ao Concello de Santiago.
Lorenzo centrou parte da súa intervención na memoria do proceso de reivindicación das esculturas. Lembrou que a primeira persoa á que escoitou falar publicamente da necesidade de reclamar as pezas foi Xerardo Estévez, a raíz dunha exposición organizada en Fonseca. Tamén recordou o momento no que o goberno de Martiño Noriega anunciou a presentación da demanda, nun acto celebrado no Pazo de Xelmírez diante das propias esculturas.
O representante da Fundación Catedral incidiu igualmente no proceso xudicial e na importancia da proba achegada na primeira instancia. Na súa opinión, cómpre diferenciar entre a memoria pública ou xornalística do caso e aquilo que foi valorado procesalmente polos tribunais. “A proba practicada foi exclusivamente a que se fixo na primeira instancia”, indicou.
A partir desa reflexión, Lorenzo defendeu a necesidade de que a memoria arredor das esculturas estea baseada no coñecemento documentado. Advertiu de que, sen esa base, a memoria pode derivar en “fantasía”, especialmente cando se reconstrúen episodios pasados a partir de lembranzas imprecisas. Ao seu xuízo, o valor das esculturas debe ir acompañado de investigación, estudo e análise material.
Neste sentido, lembrou que a Catedral ten colaborado con distintas institucións mediante depósitos de pezas, tanto no Museo das Peregrinacións como no propio Museo do Pobo Galego ou no Museo do Mar de Vigo. Con iso, quixo deixar claro que a institución catedralicia non mantén a posición de que todo o patrimonio relacionado co Mestre Mateo deba estar necesariamente na Catedral.
“Non temos ese afán de que todo o que ten que ver co Mestre Mateo teña que estar na Catedral”, apuntou. Lorenzo explicou que a Catedral está a preparar unha ampliación do espazo mateano na Buchería, onde se poderán expoñer máis pezas, pero insistiu en que as esculturas recuperadas polo Concello non son necesarias para ese proxecto. “Caberían as esculturas? Si caberían, pero necesitamos as esculturas para nada”, afirmou.
O representante da Catedral aproveitou tamén para chamar a atención sobre outras pezas do coro pétreo do Mestre Mateo que, segundo explicou, permanecen en situacións de risco. Referiuse a esculturas incorporadas a unha fonte preto do Pico Sacro e a un anxo situado nun cruceiro en Nemenzo, expostas á intemperie e con problemas de conservación e seguridade. Ao seu xuízo, estas pezas deberían ser obxecto dunha reflexión específica para evitar a súa perda ou deterioración.
O Museo do Pobo Galego propón acoller as esculturas de forma estable
A presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, estruturou a súa intervención arredor dos tres conceptos que daban título á mesa: memoria, arte e cidadanía. Defendeu que a historia das esculturas nos seus máis de oitocentos anos pode lerse en paralelo á propia historia de Galicia, desde o momento de esplendor artístico no que naceron ata o seu desprazamento, apropiación e posterior recuperación.
Losada lembrou que as pezas formaron parte do proxecto do Pórtico da Gloria, quedaron despois arrombadas tras as transformacións da fachada occidental da Catedral, pasaron a mans particulares, foron valoradas no contexto do rexurdimento cultural galego e acabaron, durante a ditadura, nas mans da familia Franco. Na súa lectura, ese percorrido fai das esculturas non só obras de arte medievais, senón tamén obxectos cargados de significado para a memoria colectiva.
A representante do Museo do Pobo Galego afirmou que a cidadanía ten dereito a coñecer esa historia, non só no relativo ao espolio franquista, senón tamén no que revela sobre o tratamento do patrimonio en Galicia ao longo do tempo. “A memoria que gardan as esculturas debe contarse activamente”, sinalou.
No plano artístico, Losada subliñou que as esculturas son obras de primeiro nivel, pero lembrou que non poden volver ao seu emprazamento orixinal no Pórtico da Gloria porque ese contexto arquitectónico xa non existe. Por iso, defendeu que deben permanecer nun museo situado na contorna do centro histórico de Santiago, con capacidade para expoñelas, conservalas, contextualizalas e fomentar a investigación arredor delas.
A súa proposta foi clara: que as esculturas queden no Museo do Pobo Galego. Losada argumentou que esta institución pode ofrecer unha lectura que combine a dimensión artística das pezas coa súa carga histórica e coa memoria de Galicia. Ademais, lembrou a relación entre o Museo do Pobo Galego e o antigo Museo Municipal de Santiago, así como o papel de Antonio Fraguas, último director do museo municipal e primeiro director do Museo do Pobo Galego.
Losada incidiu tamén na vinculación institucional co Concello de Santiago. Recordou que o Concello é membro nato do Padroado do Museo do Pobo Galego e ostenta unha vicepresidencia, e que a sede do museo, o convento de San Domingos de Bonaval, é propiedade municipal. “Se o Concello de Santiago ten un museo, que é o Museo do Pobo Galego, e se o Museo do Pobo Galego cumpre os requisitos para albergar as esculturas, o Concello de Santiago pode e debe depositar as esculturas no Museo do Pobo Galego”, afirmou.
Patrimonio lembra que a recuperación das pezas cambia o seu significado público
O representante da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Manuel María Chaín, situou o debate nun marco máis amplo sobre a función social do patrimonio. Agradeceu ao Concello a organización das xornadas e destacou que iniciativas deste tipo permiten abrir á cidadanía o debate sobre os bens culturais.
Chaín citou o Convenio de Faro, ratificado por España en 2022, para lembrar que todas as persoas teñen dereito a acceder ao patrimonio cultural e tamén a contribuír ao seu enriquecemento. Tamén evocou a Carta de Atenas de 1931 e a figura do arquitecto Leopoldo Torres Balbás, que xa no primeiro terzo do século XX advertía da desprotección de elementos patrimoniais galegos fronte á desidia e aos intereses privados.
Desde esa perspectiva, o representante da Xunta considerou que o caso das esculturas do Mestre Mateo obriga a reflexionar sobre quen pode gozar do patrimonio, como se protexe e que significa a súa recuperación para o conxunto da sociedade. Segundo indicou, non se trata só de dúas obras de arte espoliadas e restituídas, senón dun exemplo que permite pensar a relación entre propiedade, memoria e interese público.
Chaín lembrou que a recuperación xudicial das esculturas por parte do Concello de Santiago se baseou en probas documentais e periciais, non no seu valor simbólico. Con todo, afirmou que o significado do caso vai máis alá da resolución xudicial. “Non chega con preguntarnos de quen eran, tamén debemos preguntarnos que significan, como saíron do ámbito público e que implica que volvan estar ao alcance da cidadanía”, sinalou.
O representante de Patrimonio lembrou que as esculturas forman parte dun grupo de nove pezas protexidas como Ben de Interese Cultural, co máximo nivel de tutela. Esa protección implica obrigas de conservación, acceso para o persoal inspector e investigador, comunicación de calquera risco, autorización para traslados e garantía de visita pública nos termos establecidos pola normativa.
Na súa intervención, Chaín incidiu en que a restitución ao Concello implica máis ca un cambio de titularidade. Ao seu xuízo, supón tamén un cambio de significado: as pezas deixan de estar asociadas a un ámbito privado e pasan a formar parte dun relato público. “Estas esculturas non cambiaron só de mans, cambiaron de significado”, afirmou. Segundo engadiu, pasaron de ser unicamente obras de arte a converterse tamén en símbolos de memoria, cidadanía e identidade colectiva.
Sanmartín: “As estatuas teñen un relato que contar”
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, pechou a primeira quenda de intervencións deixando claro que o Concello aínda non revelaría o emprazamento definitivo. Explicou que as xornadas abriron novas perspectivas, achegaron información descoñecida e mesmo poden dar pé a novas investigacións. Por iso, afirmou que o goberno municipal tomará a decisión “nas próximas semanas”, despois de avaliar o conxunto das achegas recibidas.
Sanmartín destacou que as esculturas están “máis vivas que nunca” e que, tras o seu proceso de recuperación, acumulan novos significados. Xa non son só pezas de arte nin testemuños dunha tradición artística medieval, senón tamén obras cun relato asociado á ditadura, ao espolio e á recuperación do patrimonio público.
“As estatuas teñen un relato que contar”, indicou. Para a alcaldesa, ese relato resulta especialmente necesario para as novas xeracións nun contexto que definiu como de “involución política” e de negación do que significou a ditadura. Por iso, considerou que garantir a transmisión desa memoria é unha obriga das institucións e do Concello de Santiago.
A rexedora marcou varios criterios xerais. O primeiro, que o Pazo de Raxoi non é o lugar axeitado. O segundo, que a solución debe pasar por un museo. O terceiro, que a dispersión da obra mateana é un problema que non se poderá resolver a curto prazo, xa que hai pezas na Catedral, no Museo de Pontevedra e en coleccións privadas. E o cuarto, que o futuro espazo debe ser accesible, colectivo e capaz de integrar a dimensión artística e memorial das esculturas.
Sanmartín defendeu que o proceso de recuperación foi entendido pola cidadanía como unha conquista compartida, na que participaron moitas instancias e persoas. Por iso, considerou importante que o futuro das esculturas manteña esa dimensión colectiva.
O público reclama atención para outras pezas dispersas do Mestre Mateo
A quenda aberta ao público permitiu ampliar o debate cara á situación doutros elementos vinculados ao Mestre Mateo. Nunha das intervencións, o profesor Francisco Prado-Vilar puxo en valor o clima de colaboración entre institucións e a calidade científica da museografía actual, que incorpora materiais de investigación e reconstrución dixital. Ao mesmo tempo, coincidiu coa urxencia de atender outras pezas dispersas da obra mateana que se atopan en situación vulnerable.
Outras intervencións insistiron na necesidade de que as institucións asuman un papel máis activo na protección do patrimonio. Unha das persoas asistentes advertiu da preocupación que xera que pezas relacionadas co Mestre Mateo permanezan en espazos expostos e pediu que as administracións non deixen toda a responsabilidade nas mans da sociedade civil. “A sociedade civil non o pode facer todo”, afirmou.
Tanto Daniel Lorenzo como Manuel María Chaín responderon a estas cuestións. O representante da Catedral aclarou que a institución non é titular dalgunhas desas pezas dispersas, aínda que estean vinculadas historicamente á obra mateana. Chaín, pola súa banda, indicou que esas pezas son coñecidas e están catalogadas, pero recoñeceu que permanecen sometidas a riscos derivados da súa exposición ao aire libre. Tamén advertiu de que calquera decisión sobre o seu traslado ou protección debe ter en conta ás comunidades locais para as que esas pezas forman parte da súa fonte, do seu cruceiro ou da súa parroquia.
O debate derivou tamén cara ao papel dos concellos na protección patrimonial. Chaín defendeu a capacidade das administracións locais para exercer competencias nesta materia e puxo como exemplo o traballo dos servizos xurídicos e técnicos do Concello de Santiago no proceso de recuperación das esculturas.
Un debate con críticas á falta de renovación e á necesidade de chegar á mocidade
A mesa tamén acolleu intervencións críticas sobre a xestión institucional do patrimonio e a necesidade de incorporar novas voces. Unha das persoas asistentes reclamou máis diálogo coa cidadanía, máis atención á mocidade e unha actualización das institucións culturais para evitar que a memoria quede reducida a actos simbólicos. A súa intervención puxo sobre a mesa a preocupación por que os nenos e a xente máis nova descoñezan o significado da ditadura, do espolio e da recuperación patrimonial.
Sanmartín respondeu recoñecendo parte desas preocupacións e defendeu que as propias xornadas procuraban abrir espazos de diálogo. Lembrou tamén que se organizaron visitas de institutos á exposición das esculturas e que o Concello acaba de crear o Consello Municipal da Infancia para escoitar a xente máis nova. Ademais, rexeitou o uso pexorativo da palabra “política”, ao considerar que a política é servizo público e toma de decisións sobre os asuntos comúns.
Concha Losada tamén interveu para explicar que a actual exposición das esculturas no Museo do Pobo Galego foi o resultado dun proceso de colaboración institucional. Segundo indicou, a mostra non foi a primeira opción formulada, senón a consecuencia dun traballo compartido entre o Museo, o Concello, a Fundación Catedral, o Museo de Pontevedra e investigadores implicados no estudo da obra mateana.
Losada relatou que nun primeiro momento se chegou a pensar na posibilidade de reunir as esculturas recuperadas co resto das pezas coñecidas, aínda que as dificultades de traslado fixeron inviable esa opción. Finalmente, optouse por unha montaxe que incorporase recursos dixitais, reconstrucións e materiais científicos para ofrecer contexto ás obras. Segundo afirmou, o proceso permitiu tamén que pezas conservadas no Museo de Pontevedra pasasen a estar expostas ao público nas súas salas.
Un peche coa memoria como eixo de futuro
Na clausura das xornadas, Míriam Louzao anunciou que o Concello pretende continuar traballando arredor das esculturas, da memoria, da arte, do patrimonio e da identidade. A concelleira avanzou que haberá novas iniciativas, ao considerar que o interese xerado polas sesións demostra que o debate non queda pechado coa recuperación das pezas.
Goretti Sanmartín pechou definitivamente o encontro con agradecementos ao Museo do Pobo Galego, a Mercedes Rozas pola coordinación das xornadas, ás persoas relatoras e ás entidades participantes. A alcaldesa afirmou que as sesións permitiron refrescar información xa coñecida, descubrir novos datos e abrir posibles liñas de investigación.
No seu remate, Sanmartín vinculou a recuperación das esculturas coa necesidade de manter viva a memoria colectiva. Citou a poeta Xohana Torres para lembrar que os seres humanos son, fundamentalmente, memoria. “Sen memoria non somos absolutamente nada”, afirmou.
A decisión sobre o emprazamento estable das esculturas queda agora pendente. O Concello xa avanzou que non será o Pazo de Raxoi e que a solución deberá pasar por un museo con capacidade de conservación, visita pública, investigación e transmisión da súa historia. Mentres tanto, o debate aberto nas xornadas deixa sobre a mesa unha idea compartida polas institucións participantes: as esculturas do Mestre Mateo recuperadas á familia Franco son xa algo máis ca dúas obras medievais. Son tamén unha peza da historia recente de Galicia, da memoria democrática e da defensa do patrimonio público.

